A lingua da miña nai

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

ESTADOS UNIDOS

17 may 2019 . Actualizado a las 13:59 h.

Cando escoito falar a miña nai coas súas irmás, quedo abraiada coa fermosura do seu galego: coa súa entoación, coas súas expresións, coa súa gheada e coa diversidade do son da súas vogais. E entón comezo de novo a preguntarme as razóns polas que nunca nos falou galego a nós, ás súas catro fillas. Tódalas conversas entre meus pais eran en galego, pero con nós mudaban ao castelán, a un castelán de TVE, cun acento neutro.

Supoño que o caso da miña familia é un caso habitual na xeración dos emigrantes, como o foron meus pais. Pero sempre me resultou curioso que fora unha cuestión sistemática na miña familia materna (do rural da Bola), e que a meirande parte dos meus primos viviran o mesmo tipo de bilingüismo social que tiñamos nós.

Cando comecei a falar deste fenómeno nos Estados Unidos, dentro do contexto da memoria cultural, comecei a entender o fondo da súa decisión. Non creo que fora unha decisión consciente; quizais, na súa infancia, na súa realidade, os que chegaban a algo non falaban galego. Miña nai aceptou o bilingüismo social como modo de supervivencia, e eu son filla desa realidade.

Non asumín o galego como lingua vehicular até hai ben poucos anos. E é unha pequena loita diaria conseguir falalo en tódolos contextos. Desfacerme do galego que aprendín na escola para aprender con orgullo o que me pertence, o das mulleres da miña casa, é un dos exercicios máis enriquecedores da miña vida. É tamén un compromiso, e unha declaración de intencións. Pero aínda hoxe éme complicado manter unha conversa con miña nai en galego: cando se decata de que está a falar comigo, e non cunha das súas irmás, volve ao castelán. A memoria histórica está en todas partes.