«Recollemos e analizamos mostras o máis rápido posible para que as autoridades poidan tomar decisións»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

ESPAÑA EMIGRACIÓN

Ana Meire Feijoo traballa como técnica de laboratorio dende hai tres anos para o Instituto Volcanológico de Canarias

30 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Meire Feijoo (Ourense, 1991) conta que estes días están a ser frenéticos. Traballa como técnica de laboratorio dende hai tres anos para o Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan). O seu contrato remata en decembro, polo que non esperaba vivir un fito histórico na historia do vulcanismo.

-Como están sendo estes días?

-Cun ritmo de traballo moi intenso. Agora mesmo non me atopo na illa da Palma, estou en Tenerife. A nosa sede e os nosos laboratorios están aquí. Pero unha grande parte dos meus compañeiros están na Palma recollendo mostras e facendo medicións in situ de diferentes parámetros. Estamos traballando moitísimo para intentar recoller e analizar as mostras o máis rápido posible, para que as autoridades que teñan que facelo poidan tomar decisións coa maior información posible no menor tempo posible. Nas primeiras horas da erupción, xa se atopaban compañeiros tomando mostras na illa. Tiñamos un par de coches de empresa alí, pero mentres non conseguiamos levar máis para movernos pola zona contaron coa axuda de familiares e coñecidos que lles deixaron vehículos particulares para que puideran traballar máis rapidamente.

-Que tipo de mostras recollen?

-Variadas. Por exemplo de augas, gases, rocas, cinsa... E todo iso mándano aquí, que é onde temos os equipos de laboratorio que precisamos. Eu concretamente atópome analizando esas mostras que nos mandan de gases e augas. Ao final é un traballo en equipo: uns recollen e fan medicións no lugar, outros ocupámonos de analizalas, outros fan o tratamento dos datos ou as análises de sismicidade... O conxunto de todos os parámetros é o que permite que poidamos manter unha boa vixilancia sobre a actividade volcánica.

-E dende o punto de vista persoal, como o vive?

-É complicado. A erupción está a deixar unha dobre cara. Por unha banda, é algo histórico, que impacta á vista; pero por outra, hai moita xente que o está a pasar moi mal, que quedou sen nada. Toda unha vida perdida baixo a lava. É afrontar a realidade de algo que non podemos controlar, como é un volcán, a forza da natureza. Temos algunha compañeira que traballa con nós pero é da Palma, e pese a que os seus familiares si que se atopan ben, coñece a xente que o está a pasar realmente mal. E iso afecta.

-A familia de aquí tamén estará preocupada por vostede.

-Si, claro. A familia e os amigos sempre se preocupan. Estivérono máis nas primeiras horas e nos primeiros días. Hai menos información e eles non saben exactamente onde estás en cada momento. E non falo só por min, practicamente a todos os meus compañeiros lles pasou o mesmo.

-Falando de volcáns, que hai de certo en que a auga das Burgas vén dun? Temos algún por Galicia ou nas proximidades?

-Con respecto ás Burgas e ás augas termais en Ourense, sempre existiu a lenda de que había un volcán debaixo, pero non é así. O que temos é unha falla, e polo tipo de chan, a calor desprendida sobe. Eu non son xeóloga, pero os activos máis próximos son os das Azores, Canarias e Italia, e dos non activos, creo que os máis coñecidos son os que houbo en Xirona e en Campo de Calatrava.