Vero Boquete, fichaxe «champions» para unha iniciativa Wonder

DEPORTISTAS

MARTINA MISER

A mellor futbolista española da historia será a embaixadora da marca de nutrición do ximnasio vilagarcián nos Estados Unidos

23 feb 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

A vindeira semana Vero Boquete collerá un avión para cruzar o Atlántico. O seu destino, o vestiario do Utah Royals F.C. da National Women’s Soccer League, a gran liga de balompé dos Estados Unidos. Por diante, a terceira experiencia no fútbol U.S.A. na dilata carreira profesional da considerada mellor xogadora española ata o momento dun deporte que vive en España unha era de expansión xeométrica. Gañadora no 2015 da Champions League feminina co F.F.C. Frankfurt, para preparar o novo desembarco ao outro lado do océano Vero Boquete servíuse dos servizos do ximnasio Wonder de Vilagarcía. Unha coincidencia que vén de derivar no acordo entre ambas partes para que a estrela compostelá sexa a embaixadora de Eternity Nutrition, a marca de suplementación alimenticia deportiva creada polos titulares do ximnasio arousán, e en cuxa expansión están a traballar.

Vero Boquete acudía na mañá do sábado ás instalacións de Wonder na zona portuaria de Vilagarcía por última vez antes da súa saída cara Utah. Para exercitarse. Pero tamén para facer unha sesión de fotografías e de gravación para a promoción de Eternity Nutrition.

A futbolista explica que a súa relación con Wonder naceu «a través duns amigos. Eu levo os dous últimos meses en Galicia», logo de completar unha tempada nas filas do Beijing B.G. Phoenix chinés, o seu último destino nun periplo dunha década fóra das fronteiras españolas que a levou por tres continentes. «Estiven vindo a Wonder un ou dous días por semana; desde Santiago con Alicia Morlán, culturista. Sorprendeume o espazo e o material co que contan, con máquinas dunha calidade moi alta que noutros lados son imposibles de atopar», di. No seu caso, aparatos específicos para o tren inferior: «Para o traballo que quero facer, vanme moi ben».

Sobre a súa asociación con Wonder como embaixadora nos Estados Unidos da súa marca Eternity Nutrition, Vero Boquete afirma que «para min é un acordo de colaboración perfecto. Cunha empresa galega que oferta un produto de calidade. Unir a miña imaxe a unha empresa galega como esta era bo. E eu, encantada».

Motivada pola posibilidade de gañar un título nos EE.UU que se lle escapou co Philadelphia Independence no 2011 na quenda de penaltis da final dos play-offs, Boquete chegará a Utah para iniciar a pretempada dun fútbol estadounidense no que se compite entre os meses de abril e, para aqueles que rematan pelexando pola Liga en propiedade, outubro. A santiaguesa traballa para vivir «un bo ano», e co ánimo de seguir vendo medrar o balompé feminino en España, de maneira que algún día lle chegue daquí unha oferta que non melloren no estranxeiro.