O centro da Avenida Belgrano

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

CUBA

24 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 20 de decembro conmemoramos na RAG o 110 aniversario da estrea do Himno de Galicia no Gran Teatro do Centro Galego da Habana. O himno de Pascual Veiga e Eduardo Pondal, de quen este ano conmemoramos tamén o centenario do seu pasamento. O himno de Fontenla Leal e Curros Enríquez, que dende a emigración avivaron a creación do que hoxe son os símbolos que nos identifican: o himno, a bandeira, mesmo a propia Academia, promovida dende A Habana, constituida o 4 de decembro de 1905, aínda que inicia oficialmente as súas actividades o 30 de setembro do ano seguinte. Ramón Villares repasou a creación de varios himnos nacionais no mundo, os máis deles nacidos no espírito romántico e postromántico do seculo XIX, case todos relacionados ou con revolucións, ou con conflitos de emancipación, ou promovidos dende institucións políticas de goberno que daquela Galicia non tiña. A gran forza de Galicia, o seu gran capital histórico (a súa apopea colectiva) foi a emigración. Foi na emigración, entre as colectividades emigrantes, onde o pobo galego construíu algúns dos seus máis exitosos modelos de xestión, organización e asistencia con vontade e consciencia de seu, e foi alí onde naceron e, sobre todo, onde callaron os primeiros simbolos da nosa identidade, que logo se confirmarían na Galicia interior, en gran medida polo efecto do espello. A Habana, Montevideo, Buenos Aires, México, Venezuela, Nova York, Salvador de Baía… ¡Canta historia, canta xenerosidade e entusiasmo, canta enerxía devorcada na Galicia de alén nós! Ese mesmo día chegaba a noticia da posible futura venda do Centro Galego da avenida Belgrano, en Buenos Aires. Este xornal vén dando conta do proceso, que non é de agora, vén de bastante atrás, en parte por deficiencias de xestión, en parte pola merma de socios que un día o levantaron e hoxe non poden sostelo, en parte polas vellas disputas intestinas que tanto nos extenúan, en parte pola distancia ou a falta de política exterior da Galicia de aquén, que non acaba de entender a significación do patrimonio histórico e humano (actual) de que dispoñemos e non damos aproveitado. Hai unha Galicia exterior que existe, que traballa e está viva, mesmo que está a mirar para nós, nalgún momento esperanzada, agora quizás desencantada, ou confusa. Unha parte importante desa Galicia histórica esmorece co Centro da avenida Belgrano, onde morreu Castelao (alí está, intacta, a habitación 202, coa súa memoria), onde o visitante pode ver o mapa de Fontán, que levou Otero Pedrayo na súa primeira viaxe, onde están os máis de 20.000 volumes da súa biblioteca, con documentos orixinais só parcialmente inventariados, e unha extraordinaria colección de obras de arte. A noticia levanta estes días un aquel de triste melancolía, como quen asiste ao enterro vergonzante dos avós.