Néstor Romero: «O deporte fortalece os vínculos»

laura veiga / m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

COOPERANTES

gus de la paz

Colaborará en Mozambique na organización dun campionato de fútbol

04 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un programa de voluntariado dun mes de duración que combina a sensibilización do persoal das Administracións local e autonómica coa cooperación e o apoio técnico a proxectos que fomentan o desenvolvemento social e económico. Esta é a idea que conquistou a Néstor Romero Agra, técnico de Deportes do Concello de Lousame, que participará por primeira vez no proxecto Vacacións con Traballo.

Este programa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, cofinanciado pola Xunta de Galicia, vai xa pola súa décimo cuarta edición en diferentes países. Este ano, os escenarios serán Cabo Verde e Mozambique, e participarán un total de 47 empregadas e empregados da Administración local. «Eu irei en novembro a Nhamayabue, unha aldea rural de Mozambique. Teño feito voluntariado sempre que puiden e se precisaba, pero nunca ata este nivel. Ademais a xente coa que falei díxome que supuxo unha experiencia reconfortante», explica emocionado o técnico deportivo.

Os seus proxectos

No caso de Romero, o seu labor estará orientado principalmente á organización dun campionato de fútbol do distrito, aínda que tamén colaborará en todas as necesidades que se presenten no día a día: «O deporte fortalece os vínculos. É unha ferramenta moi inclusiva, beneficia enormemente ás persoas e ademais é un nexo para relacionar á xente, porque fomenta moitísimo as relacións sociais. Alén destes beneficios interpersoais, o feito de facer deporte no tempo libre evita caer noutro tipo de cousas menos beneficiosas».

Non obstante, o voluntario aínda non pode adiantar demasiada información sobre este proxecto de cooperación, que está nos seus comezos: «A idea do campionato xa está case en funcionamento, o meu labor é exclusivamente de colaboración. Como aínda faltan uns meses, teño moitas cousas que falar co meu contacto alí para ir concretando os detalles, pero estou moi ilusionado por esta oportunidade que me brindou o Fondo Galego, e de verdade espero ser unha persoa que colabore realmente no progreso e na evolución do deporte en Nhamayabue».

Ademais deste proxecto, Néstor Romero tamén fará un labor de supervisión noutro de abastecemento de auga que, nestes momentos, se atopa en proceso de reparación ao verse afectado polas fortes chuvias deste ano: «Trátase dunha zona rural na que a xente ten dificultades para acceder á auga potable. Moitas veces houbo que lamentar mortes e feridos por ataques de crocodilos cando intentaban coller auga do río. Entón, este proxecto baséase na creación duns pozos, e o meu labor é ver como se vai desenvolvendo e estar en contacto co Fondo».

Para Romero, esta cooperación entre as persoas e as organizacións é fundamental, polo que se mostra ilusionado e moi optimista con respecto á experiencia que vivirá en apenas tres meses: «A miña idea é colaborar nos seus proxectos o máximo posible e servirlles de apoio para o que precisen, ao tempo que vivo unha experiencia tan enriquecedora. Ao final trátase diso, colaborar uns cos outros».

Outros voluntarios

Ademais de Néstor Romero, entre as sete persoas que participarán en Vacacións con Traballo atópanse Lola Pardo, técnica de desenvolvemento local do Concello da Coruña, e Jesús Bravo, técnico medioambiental do Concello de Redondela. Pardo acudirá este mes a Cabo Verde para asesorar á cámara municipal en prol de facer avanzar o seu Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico.

Pola súa banda, Bravo irá a Mozambique con Néstor Romero para cooperar coa Fundação Encontro e combater a acumulación de lixo asesorando en materia de reciclaxe de residuos.