«Non me gusta entrar nunha rutina, é algo que te acaba absorbendo»

Sofía Caamaño / S.G. CARBALLO / LA VOZ

COOPERANTES

Alba Romero

Foi voluntario en Camboia, percorreu o sur de Asia e afronta agora novos retos

31 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Martín Alfeirán (Malpica, 1995) descubriu o moito que lle gustaba viaxar o ano pasado, despois de facer un voluntariado en Camboia. Tras esa experiencia, decidiu que quería seguir coñecendo Asia e aforrou durante un ano para poder levar a cabo unha viaxe de tres meses que o levaría por India, Tailandia e Vietnam. Chegou de volta a Malpica o pasado venres e aínda está «descolocado», adaptándose de novo á rutina.

-¿Por que decidiu marchar para Camboia?

-Uns amigos e eu queríamos facer un interrail e por distintos motivos non puidemos levar esa idea a cabo. Entón púxenme en contacto cunha ONG de alí, comprei un billete de avión e emprendín camiño a Siem Riep.

-¿Como foi a experiencia do voluntariado no país?

-Daba clases de inglés nun orfanato a nenos de entre 4 e 12 anos, chamoume a atención que as nenas máis maiores, chegada unha hora, tiñan que ir axudar a facer a comida. As camas eran como de palla, había moitas chinches e suciedade, os monzóns provocaron roturas no tellado e había goteiras. En Camboia aínda quedan secuelas da ditadura e do xenocidio: na rúa vese moita pobreza e xente mutilada.

-Despois desa viaxe soubo que quería volver a Asia.

-Si, pensei nos días incribles que pasara en Camboia. Non me gusta entrar nunha rutina, é algo que te acaba absorbendo. Por iso aforrei durante o ano e en xuño funme para a India.

-¿Como foi chegar alí só?

-Os primeiros días paseinos nas montañas, na zona de Cachemira, onde hai un conflicto entre India, Pakistán e China. Víanse moitos militares. O principio tamén foi complicado adaptarse á altura, ás veces durmía a 4.000 ou 4.500 metros sobre o nivel do mar. Recordo que estaba subindo un monte en moto, facía calor e ía con pantalón e camiseta curta e de repente púxose a nevar. Agora ríome, pero nunca tremera tanto. Estiven ao redor de catro horas sen sentir as mans.

-Din que a India é un país de contrastes.

-Si, as zonas ricas están moi ben, pero a pobreza nas rúas é tremenda. Aínda seguen un sistema de castas. Hai moitos nenos durmindo por alí e as cidades son un caos. Ruídos de coches, sirenas e suciedade por todas partes. A India está moi masificada. Unha vez fixen unha viaxe de tren de 18 horas de Delhi a Jaisalmer e iso era un caos: xente durmindo no chan, persoas ocupando os baños, galiñas soltas....

-Despois de India foi para Tailandia.

-Si, cheguei ao caótico Bangkok. Primeiro visitei o norte e máis tarde funme para o sur, onde están todas as illas paradisíacas. O peor desa zona é a masificación turística, probablemente nuns anos sexa a Mallorca asiática. En Tailandia hai moitas empresas turísticas que ofrecen viaxes en elefante. A realidade é que maltratan aos animais. Eu queríame alonxar diso e visitei un santuario, onde viven os elefantes que son rescatados deste tipo de industrias e de zoos. Aínda así, non están en completa liberdade.

-¿E Vietnam? ¿É moi diferente?

-Hai moito menos turismo, predominan as zonas verdes, as terrazas de arroz... Pasas por alí e quédaste alucinado. Hanoi é un lugar incrible para facer fotografías de rúa. A estrada está chea de postos de comida e a xente come sempre por alí. Todo o que ves chama a atención. É completamente distinto. De feito, eu probei o escorpión e a serpe cando estiven en Camboia, a serpe non me gustou moito pero o escorpión sabe parecido ao polo.

-¿Foi difícil a volta? ¿Vai a seguir viaxando?

- Sinto que valoro máis o que teño aquí. Agora vou acabar o último ano da carreira e despois non sei. Creo que por unha parte me gustaría seguir viaxando. Alí todos os días eran unha aventura, pero tamén hai que saber adaptarse á rutina. Gustaríame ir a sitios que manteñan a súa cultura.