Esteban Batallán, entre Chicago e Hong Kong

O músico galego é trompeta principal na orquestra oriental e convidado na norteamericana, onde actúa baixo a dirección de Riccardo Muti

Esteban Batallán impartiu recentemente unha clase mestra en Vigo
Esteban Batallán impartiu recentemente unha clase mestra en Vigo

redacción / la voz

O trompetista Esteban Batallán (Barro, 1983) coñece ben a vida errante que a música impón sobre moitos intérpretes. Dende que se iniciou no estudo e práctica do seu instrumento con apenas sete anos, Batallán ten formado parte ou colaborado con orquestras de Galicia á India, de Ámsterdam a Porto, de Italia a Suíza. Na actualidade ocupa a praza de trompeta principal Hong Kong Philarmonic, ao tempo que colabora coa Chicago Symphony Orchestra en calidade de principal convidado.

Na formación norteamericana traballa cun nome mítico da dirección, o italiano Riccardo Muti, que imprime o seu carácter nunha orquestra que figura entre as mellores do mundo. Entre os factores que inflúen na pegada que un director pode imprimir entre os seus músicos, Batallán cita o «xesto» á hora de dirixir, «a maneira na que dirixe (carácter, mirada, o seu propio movemento corporal...), a súa idea sobre o que estea interpretando, como el pode ver e transferir a súa idea sobre a obra, como transmite a música, como trata ao grupo, como se expresa sen necesidade de falar...». Factores que, no caso de Muti, fan del alguén que «transmite a música con todo o seu ser e demanda do colectivo unha gran implicación en todos os aspectos». «Sen dúbida, é un gran director, indubidablemente o mellor intérprete da música de Verdi e a italiana en xeral despois de Toscanini», loa Batallán.

Para o trompetista galego, poder tocar con esta orquestra é un soño cumprido. «Podo perfectamente describir a sensación de tocar xunto coa xente que dalgunha forma idolatrei sempre, con eles crecín escoitando as súas gravacións e coas cales considero que aprendín a crear en min unha determinada forma de tocar simplemente analizando esas gravacións, meténdome a fondo nelas e tentando “imitar”, por así dicilo, un estilo, unhas maneiras, unha forma de percibir ou interpretar a música...», describe. Batallán considéraa a mellor orquestra sinfónica existente e é consciente de que poder tocar con ela é o resultado de moito esforzo e dedicación, pero que non rematou aquí nin moito menos. Unha vez acadada a posición de principal convidado, o trompetista galego xa está traballando arreo para optar a formar parte da Chicago Symphony Orchestra, xa que hai audicións convocadas para o vindeiro mes de xuño. Isto non significa que desatenda as súas obrigas en Hong Kong: «Teño varios meses por diante de tocar grandes obras do repertorio sinfónico (Mahler, Bruckner, Strauss, Tchaikovsky, Stravinsky..) co noso director musical, Jaap van Zweden, que tamén é titular da New York Philharmonic). 

Linguaxe universal

Así, entre Occidente e Oriente, transcorre a vida de Batallán, que forma parte desa gran ONU de músicos que participan dunha linguaxe universal, a música, e que fai que se lles entenda alá onde van. Un código do que Batallán tamén é mestre, xa que recentemente estivo na súa Galicia natal para impartir unha clase mestra no conservatorio de Vigo. Sobre a súa faceta docente, o trompetista cre que a clave está en transmitir non só coñecementos, senón ideas e actitudes. «Coas miñas vivencias intento fomentar o que creo que todos deberían de ter en conta: paixón pola música, polo instrumento, dedicación, organización, disciplina... e sempre desde a humildade, o respecto e a honestidade, valores que a veces se difuminan ou esquecen», relata.

Batallán confésase devoto de Wynton Marsalis, por integrar o mellor da clásica e do jazz, de Adolph Herseth -«o mítico solista de Chicago Symphony»-, Maurice Andre -«o máis destacado concertista do século XX»- ou Arturo Sandoval, «(unha estrela da música lixeira e do latinjazz». Todos eles figuras míticas da trompeta, un instrumento co que o galego afirma ter unha relación «totalmente emocional»: para el, igual que para moitos músicos, o instrumento é case un membro máis da familia ao que coidar.

Votación
9 votos
Tags
Comentarios

Esteban Batallán, entre Chicago e Hong Kong

Este proyecto ha sido cofinanciado por