Celanova lembra a Luís Soto como reconstrutor da identidade galega

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

ARGENTINA

Santi M. Amil

Un busto en Vilanova e un documental recordan a súa figura

19 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura de Luís Soto (1902-1981) inda se lembra en Vilanova dos Infantes (Celanova) e desde onte, grazas ao realista busto creado polo escultor José Molares xa forma parte da paisaxe física do burgo medieval, coa peza escultórica inaugurada este sábado na praza maior.

Desde Vilanova, onde se mudou logo de nacer en Podentes (A Bola), Luís Soto comezou a abrir unha ollada ao mundo, xa marcada por unha familia de orientación de esquerdas; alí converteuse nun mestre comprometido e nun «home político» -como o presentou Carme Vaquero (Galeguizar Galiza) no acto do Auditorio de Celanova- que loitou contra o fascismo e tivo un importante papel na diáspora para reconstruír a identidade galega. Xa de novo, como recordaba o seu amigo Xosé Luís Méndez Ferrín, participou nalgunhas accións como parar unha traída de agua que ían levar a unha casa nobre para abastecer o que hoxe é o pilón da praza do Recreo de Vilanova.

A banda de música de Vilanova dos Infantes tocou na homenaxe a Luís Soto Fernández.
A banda de música de Vilanova dos Infantes tocou na homenaxe a Luís Soto Fernández. Santi M. Amil

Luís Soto editou publicacións referentes, como a revista monolingüe en galego Vieiros -ligada ao Padroado da Cultura Galega en México- que só tivo catro números pero da que se destaca a súa calidade; fundou o Partido Comunista en Ourense, participou nos anos sesenta no nacemento da UPG e, trala súa escisión, no Partido Galego do Proletariado, e viaxou con Castelao coa misión de crear células sindicais en Estados Unidos e Cuba. Tivo unha vida moi intensa en tempos duros de represión e sempre mantivo os seus ideais, o seu activismo e o amor pola terra, loubou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Estivo emigrado en Arxentina, onde non lle cumpriron a promesa de ir á universidade, e regresou a Vilanova. Foi enrolado para loitar na guerra de Marrocos, pero non tivo que ir a fronte grazas a súa formación. Formado como mestre puxo a súa primeira escola en Buscalque (Lobios), unha aldea arraiana hoxe asolagada onde topou alumnos moi pobres aos que se achegou falándolles en galego e dando as clases fóra da escola, tamén aos adultos, nuns anos vinte do século pasado nos que o analfabetismo era maioritario, recordou a súa sobriña Sara Feijoo.

Busto de Luís Soto en Vilanova dos Infantes
Busto de Luís Soto en Vilanova dos Infantes Santi M. Amil

Todas esas referencias aparecen no documental de Pío García, Luís Soto, discurso para un país, que onte se puido ver no auditorio celanovés, e onde Méndez Ferrín, o biógrafo de Luís Soto -Xurxo Martínez- Sara Feijoo e Xosé González, da Fundación Lois Peña Novo -organizadora do acto- participan. En Vilanova, a homenaxe tornouse emotiva. Alí estivo escondido durante a Guerra Civil e tivo que escapar a Tourém para salvar a vida. Desde onte xa está sempre presente.