Falece a profesora arxentina Cecilia Alcoba de Abril, a «netiña» do escritor Manuel García Barros

carlos loureiro / A ESTRADA

ARGENTINA

13 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Faleceu a «netiña» de García Barros, de Ken Keirades, como sempre aludía ela a el. A amizade de García Barros con Cecilia veu a raíz da veciñanza -Salvaterra do Miño- do seu marido, Domingo Abril, co marido da mestra de Callobre, dona Claudina, Domingo Lemos Suárez. Esta correspondencia que se establece entre Cecilia e García Barros a partir do 1954 foi precisamente un dos motivos -ademais das revistas- que levaron ao carabineiro Lemos, a Francisco Fernández Del Riego e a García Barros ao cárcere de Pontevedra no ano 1955. Unha simple xustificación para lles demostrar a estes galeguistas e antifranquistas quen mandaba. A correspondencia coa súa «amizade arxentina» foi para García Barros como unha liberación e ao mesmo tempo coma un elo imprescindíbel para un home case octoxenario.

Ademais alá en Bos Aires estaba outro amigo común que era Neira Vilas e outros exiliados. Alí participaban en todo tipo de actividades culturais, especialmente nas que concernían á cultura galega, de maneira significativa na AGUEA. A raíz desta amizade, Cecilia mandáballe libros e revistas para acá (Non agardei por ninguén de Ramón de Valenzuela ou Revista Galicia Emigrante) e García Barros mandáballe obras dende aquí, propias e doutros autores.

No ano 1992, con motivo dos Encontros para un estudo. Manuel García Barros. Unha vida, unha obra, un pensamento, Cecilia, á que lle acababa de finar o marido, acudiu á chamada do Concello da Estrada para viaxar até aquí e participar nos citados encontros deixando fonda constancia

desa tan importante amizade nos derradeiros anos da vida do seu «avó». Dende que comezou a tratala de «Miña dona, miña señora» até ir collendo fonda confianza para chegar a tratala na correspondencia como «Miña neta, miña santiña, miña adourada netiña».

Esta profesora da Universidade de Bos Aires faleceu o 14 de xullo deste ano, aínda que as novas deste pasamento apareceron por acá arestora.

Ela sempre mantivo unha correspondencia coa Estrada, especialmente con Xoán Carlos Garrido, con David Otero e cun servidor.

E sempre continuando coa teimosía de anos atrás con García Barros de mandar para acá libros e revistas, así como información.