Aurelia quere ouvir

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

ARGENTINA

01 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En Arxentina temos a nosa casa familiar tantos de nós… Tocamos a gaita e falamos galego con acento porteño. Fixemos cambiar o patronímico identificador dos españois polo de galegos, moito máis numerosos e con personalidade de seu como para representar o todo pola parte. E de alí nos veñen visitar, ao cabo de ducias de anos, algúns que marcharon sendo ben cativos e queren revisar a súa memoria, comprobar que aqueles eidos existiron algo máis ca nos seus recordos, para sentiren que perderon dúas veces. As mulleres volven hoxe cargadas de literatura, como María Rosa Iglesias López, unha activa militante da diáspora en Arxentina, que na súa novela Aurelia quiere oír aborda a emigración, a integración nunha nova sociedade, co agravante dunha hipoacusia. É a vida vivida coma se corre unha maratón, sorteando duras probas de supervivencia, narrada coa voz desta muller que se expón ante nós con sinceridade e sen edulcorante, para que non esquezamos que as nosas nais, as nosas avoas -as nosas fillas, agora tamén- viviron, ou están a vivir, experiencias como a súa que son, daquela, tan nosas.

Como entender a Historia dun pobo sen fixar a ollada e a atención no papel xogado polas súas mulleres? En calquera recuncho do mundo son o alicerce sobre o que se constrúe a vida, gardan e comparten os coidados, sementan os afectos, son o primeiro libro no que nos aprenden a vida. Desde Galicia emigraron menos mulleres ca homes, mais padeceron igualmente os efectos das ausencias, as viuvas de vivos e mortos que chamou Rosalía. A experiencia migratoria leva con seu o desgarro vital e un trauma inevitable para quen parten e para quen quedan. É unha das que máis nos identifican con outros pobos emigrantes nos séculos XIX e XX: irlandés, xudeu, portugués, italiano. E nos tempos actuais, cos subsaharianos ou os sirios.

En breve -xa falla menos- viviremos un novo episodio electoral coas autonómicas que, de non adiantarse polo contexto hiperactivo da política estatal, serán no outono de 2020. Non podemos esquecer que fóra da Galicia territorial están residindo, con pasaporte español e dereito a voto, máis de catrocentas mil persoas que constitúen unha auténtica quinta provincia. Segue aberto o dilema da derrogación do voto rogado que fai desistir do seu dereito básico de cidadanía a moitos mulleres e homes que seguen sendo dos nosos. Os erros en política poden ter difícil solución, pero, neste caso, só se precisa de vontade política e de facer un balanzo correcto do fracaso recollido. A novela de María Rosa Iglesias vénnos recordar que están fisicamente fóra do noso país, pero chantados con vontade e amor, no territorio simbólico da matria pola que traballamos todos, cada quen desde o seu lugar. Sorte María Rosa, e grazas por acender a nosa memoria, tantas veces durmida.