O derradeiro supervivente coruñés da Xeración Atlántida

olivia tudela (1928-2019)

ARGENTINA

lvg

Adeus a Paco Tudela, que escribiu crítica de arte e de cultura, con colaboracións na revista Atlántida co pseudónimo Zacharías

09 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Semanas despois da desaparición do pintor Abelenda, o ilustrador máis novo da revista Atlántida (1954-1956), temos que lamentar o falecemento o 6 de abril de Paco Tudela, derradeiro atlante coruñés, membro do grupo cultural que soubo rescatar en pleno franquismo algo da brillantez e intelixencia da República negada. Nado en 1928 en Buenos Aires, no seo dunha das tantas familias emigradas e retornadas, cun pé sempre na outra beira do océano, cofundou e foi directivo da Asociación Cultural Iberoamericana (1951-1976). Como vicepresidente da Asociación de Artistas, estivo á fronte do Club de Cine, o único con autorización oficial para exhibir películas que cedían distintas embaixadas. Non todas pasaban a censura: Orfeo, de Jean Cocteau e con María Casares no papel principal, tivo que proxectarse en petit comité nunha trastenda. El mesmo chegou a gravar algún filme de arte e ensaio, como o premiado Cementerio Marino, en colaboración con Miguel Guerrero.

O seu interese pola pintura levouno a reunir unha importante colección na que brillou o tesouro dun dos cadros coruñeses que o neno Picasso pintaba aproveitando as caixas de puros. A súa bonhomía fixo que llo enviase ao artista cando este coñeceu a nova, e propúxolle intercambialo por un cadriño dos que facía case en serie. Tamén lle prestou unha pintura a Isaac Díaz Pardo cando andaba a recadar cadros para inaugurar o Museo Maside. Nunca llo devolveu nin coido que el llo reclamara. Debeulle abondar ver como unha filla abría a canda o seu compañeiro a galería de arte Atlántica, coma se o fío da herdanza dotase de sentido o labor cultural en época de sombras.

Paco Tudela escribiu crítica de arte e de cultura, con colaboracións na revista Atlántida co pseudónimo Zacharías. Cando, na represión das revoltas de 1956, unha denuncia política provocou o peche da revista e a emigración madrigalega de parte dos seus compoñentes, Paco Tudela decidiu repregar as velas, quedar e proseguir unha vida familiar acompañada da práctica íntima da pintura -vexo diante miña Verdes e A tumba de Sir John Moore-. E mentres se ocupa do seu traballo nunha fábrica de pinturas, acórdase de surtir de material a Urbano Lugrís, nas estremas da indixencia. Reprega as velas pero non deixa a cultura. Le moito, sobre todo de psicoloxía e filosofía, e frecuenta os últimos faladoiros do século XX na Coruña, onde se lembran os anos nos que se creu posible rachar a ignorancia co exercicio da arte e o pensamento.

Cultura e civismo

Déixanos Paco Tudela ao pouco de abrirse na Fundación Luís Seoane a exposición de R. Gurriarán que leva o título do volume que a suscita: A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña. Entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979). No libro transcríbense as palabras de Paco Tudela sobre as experiencias aquí referidas. E nas vitrinas a carón da entrada vense as pegadas que deixou quen foi un home da cultura, solidario e bo.