Os restos do galeguista Rodolfo Prada volverán a Os Peares

La Voz OURENSE / LA VOZ

ARGENTINA

MIGUEL VILLAR

Unha peza escultórica de Buciños lembra ao albacea de Castelao ao pé da súa casa natal

06 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura e o legado de Rodolfo Prada (Os Peares, 1892 - Bos Aires, 1980) foron lembrados onte no seu pobo nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta -orixinario da zona do pobo ubicada na outra beira do río- e que rematou coa descuberta dun grupo escultórico na súa memoria. A peza, obra de Manuel Buciños, está ubicada ao pé da casa do homenaxeado.

Nunha xornada na que os oradores lembraron ao galeguista que foi quen de traballar a prol da unificación do movemento en toda América, de loitar por un futuro onde existise a Galicia democrática e autonómica que desexaban os galegos das dúas beiras do Atlántico e que exerceu como valedor e amigo de Castelao, a faceta reivindicativa chegou na voz da súa neta. María Elena Prada, que vive en Chile, dixo que Rodolfo Prada anceiaba volver a Galicia cando houbese democracia e un goberno de seu. «Mis hermanos y yo consideramos que ha llegado el momento de trasladarlo desde el panteón del Centro Gallego en el cementerio de la Chacarita (Buenos Aires) a este lugar donde nació», emprazando aos presidentes da Xunta e da Deputación a colaborar para cumprir este desexo. Baltar, que convidou a Feijoo a crear en Os Peares un «centro de interpretación que recolla a memoria do ideario galeguista en América», asegurou que a Deputación «fará todo o posible por traer os restos». Núñez Feijoo definiu a Prada como «un loitador contra o esquecemento» e lembrou o seu papel vital no rexurdimento de Castelao e para tender pontes entre Galicia e América.