Os Peares lembra a Rodolfo Prada, editor de «Sempre en Galiza» e albacea de Castelao

La Voz OURENSE / LA VOZ

ARGENTINA

O presidente da Xunta inaugurará o monumento na súa honra

04 nov 2018 . Actualizado a las 23:31 h.

Hai tempo que a figura de Rodolfo Prada Chamocín (Os Peares, 1892 - Bos Aires, 1980) se reivindicou no seu pobo, e nacía daquela a asociación que leva o seu nome. E nos últimos anos, neste caso de man da Deputación de Ourense, o legado do galeguista ten sido recuperado en varias iniciativas: homenaxes en Os Peares, recoñecemento á súa familia e creación dun premio que leva o seu nome para distinguir ás mellores iniciativas ou xestores culturais galegos.

O home que xogou un papel vertebrador da emigración en Arxentina e figura senlleira do galeguismo será lembrado agora de forma permanente onde empezou todo. Diante da casa onde naceu en Os Peares será inaugurado mañá un monumento para manter viva a memoria de Rodolfo Prada Chamocín. Nestas semana traballouse na instalación da peza e no acondicionamento do entorno e hoxe, ás 13.00 horas, procederase a celebrar o acto solemne de inauguración. Unha cita para a que se contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia.

Home das Irmandades da Fala, cofundador da Asociación Protectora da Real Academia Galega en Arxentina, secretario da Casa de Galicia, membro do Centro Ourensán, Presidente do Centro Galego de Bos Aires, creador e director da revista Acción Gallega ou redactor xefe e copropietario do xornal Correo de Galicia, entre outros cometidos, Rodolfo Prada foi a persoa que asumiu a responsabilidade de editar o Sempre en Galiza de Castelao -en 1944 tirouse a imaxe na que aparece entregando ao de Rianxo o pimeiro exemplar nunha homenaxe en Bos Aires- e o político e intelectual galego nomeouno albacea do seu legado.