«A derradeira leición do mestre» de Castelao inicia a súa viaxe dende Buenos Aires a Galicia

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

ARGENTINA

Poderá verse na Cidade da Cultura dende o vindeiro 5 de outubro

26 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Técnicos e especialistas descolgaron e embalaron onte o cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao, para iniciar o seu traslado dende Buenos Aires a Galicia. A obra será a peza principal da mostra Castelao maxistral, que se inaugurará na Cidade da Cultura o vindeiro 5 de outubro e que se poderá visitar ata o 3 de marzo do 2019. Segundo informou onte a Xunta, o comezo da viaxe do cadro «levouse a cabo coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados». O óleo ten máis de dous metros de altura e nunca saíra do Centro Galicia de Buenos Aires. A súa presenza na mostra compostelá realizarase en virtude dun acordo de cesión temporal para a súa exhibición e regresará á Arxentina unha vez clausurada a exposición.

Castelao maxistral, que ten como comisario ao historiador e vicepresidente da fundación que leva o nome do intelectual galeguista, Miguel Anxo Seixas Seoane, contará con 92 pezas, das que 32 son cedidas por institucións públicas e privadas. A súa montaxe formúlase como unha homenaxe ao papel que xogaron na construción do ensino público os docentes das tres primeiras décadas do século XX. Incluirá a reconstrución dunha escola da época e permitirá contemplar, reunidos por vez primeira nunha exposición, os corenta debuxos que Castelao realizou sobre o ensino obrigatorio en Galicia, que naquela altura remataba á idade de nove anos.

A derradeira leición do mestre tamén é unha obra de carácter icónico para a diáspora galega, polo que Castelao maxistral asumirá tamén o papel de homenaxe ao labor da Galicia emigrante que salvagardou boa parte do patrimonio cultural galego no século XX.