Acabará convertido nun «shopping»


En maio de 2012 visitei nas instalacións sanitarias do Centro Galego de Buenos Aires a Manuel Cordeiro, pintor, un dos fundadores das Mocidades Galeguistas na capital arxentina (1953), que emigrou a aquelas terras dende A Coruña con 25 anos e alí entrou en relación con Seoane, Dieste, Arturo Cuadrado, Eduardo Blanco Amor, Colmeiro ou Lorenzo Varela, os grandes da nosa emigración e exilio. Nas Mocidades Galeguistas, xente nova con ansias de non perder a esperanza, estaban tamén Neira Vilas, que acababa de chegar, e Carlos Abraira, Antón Santamarina Delgado, Antón Moreda, Antonio Pérez Prado… 

Vin a Cordeiro nun cuarto triste, apenas alumeado por unha lámpada cativa, deitado na cama, cos ollos pechados. El xa non me recoñeceu. Así é como o recordo, acompañado da súa filla Marina, que o atendeu ata o final. Manuel Rei, o histórico bibliotecario do Centro Galego, guiounos a Pilar Sampil e mais a min ata o cuarto, e acabamos sentados nos bancos do corredor, falando da situación do que noutrora foi orgullo da asistencia social dos galegos en Buenos Aires. Nos cuartos apenas había luces, apenas había asistentes, era unha sensación certamente triste, por non dicir desoladora… Alí acababa os seus días o pintor galeguista Manuel Cordeiro.

Non era a primeira vez que visitabamos a casa da avenida Belgrano, un predio enorme, con acceso a varias rúas, onde custodiaban con agarimo e infinito respecto o cuarto onde faleceu Castelao en xaneiro de 1950. Chega a nós a noticia de que o cuarto do autor de Sempre en Galiza está a piques de ser clausurado. A situación do Centro Galego agrávase por momentos e hai quen xa botou contas de canto pode durar. No último número da revista Grial publicamos un inventario miúdo do patrimonio que alberga a institución. La Voz dedica periodicamente atención a un feito (a súa posible desaparición) que en calquera país moderno, consciente da súa historia e de si mesmo, debería levantar un clamor de indignación e vergonza. O Premio Nobel de orixe galega, Pérez Esquivel, xunto con algunhas persoas sensibles, vén de iniciar novas xestións diante do Goberno da nación para ver de buscar algunha saída ao previsible desastre. Seica non hai respostas, nin dende alá nin dende aquí.

Coas noticias que chegan non podo deixar de evocar aquela visita derradeira ao galeguista Cordeiro: o silencio dos corredores, a luz cativa que o acompañaba, a tristeza da súa filla Marina, a sensación de derrota do amigo Manolo Rei… Dende a avenida, de regreso ao hotel, ollando a magnífica edificación, díxenlle á miña amiga Pilar: «En menos de dez anos isto acaba nun shopping». Case que podía ver os corvos agochados nos portais e nas ochavas. Escribín daquela un artigo con este título, mais un amigo de alá, con prudencia e esperanza, pediume que non o publicase. Publícoo agora.

Votación
0 votos
Comentarios

Acabará convertido nun «shopping»

Este proyecto ha sido cofinanciado por