Ascensión Pérez Sampayo, presidenda do Colexio de Enfermaría de Ourense: «Os profesionais de enfermaría vanse porque son máis valorados fóra»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

ACTUALIDAD

MIGUEL VILLAR

A pandemia agravou a situación de eventualidade que se vive na profesión

20 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia do coronavirus chegou en marzo do 2020 para darlle a volta á realidade que coñeciamos. Unha circunstancia que tivo consecuencias demoledoras para os colectivos que estiveron, e seguen, na primeira liña da loita contra a covid 19. A sexta onda agravou un panorama que no sector da enfermaría se constata como particularmente problemático e con graves carencias. Unha enquisa entre preto de 1.500 enfermeiras de Galicia vencelladas ao Sergas incide na eventualidade —o 71 % das que participaron na iniciativa—, na existencia de agravios comparativos, nos incumprimentos reiterados en materia de salarios e permisos e outras carencias. Dende o Colexio de Enfermaría de Ourense a súa presidenta, Ascensión Pérez Sampayo (Ribeiras do Miño, Ferreira de Pantón, 1956), recoñece que as reivindicacións do colectivo se veñen reiterando no tempo e que se fai necesario un compromiso, firme e máis alá das promesas electorais, cun sector esencial da sanidade. Tanto no sector público como na empresa privada.

—Cantos profesionais están vencellados ao Colexio de Enfermaría de Ourense?

—A lei estatal obriga á colexiación para poder traballar e na provincia cumpren con esa condición uns 1.600 profesionais. O Colexio debe garantir que o persoal está cualificado e formado, e velar porque a atención sexa de calidade e nas mellores condicións. Tamén protexer aos colexiados, para o cal temos un seguro de garantía por valor de 7 millóns de euros.

—Na primeira xunta de goberno do ano abordaron aspectos como a formación, o convenio con Sogarpo e as actividades para as enfermeiras xubiladas?

—A formación continua é vital para esta profesión e na sede contamos coas aulas onde impartimos os cursos e temos convenio coa Universidade. A relación con Sogarpo é fundamental para nós: hai xente que quere emprender, ou deixar a pública e establecerse pola súa conta, e con esa axuda poden iniciar o seu proxecto. E a actividade para as persoas que se xubilan son fundamentais para desconectar, descargar tensións e iniciar unha nova vida.

—Os formados en enfermaría seguen emigrando?

—Si. Vanse ao Reino Unido, Países Baixos, Estados Unidos e outros países porque están mellor pagados e máis valorados que aquí. E son persoal moi buscado porque as enfermeiras e os enfermeiros de aquí saen mellor formados e por iso son demandados.

—Os sindicatos inciden no desgaste psicolóxico da profesión pola situación actual e apuntan a que sete de cada traballadores están queimados?

—Xa hai catro anos que reclamamos a taxa de reposición, porque se xubila a xente pero non se cobren as prazas. O covid puxo a guinda no pastel e a realidade é que se está queimando aos profesionais e así non podes garantir a atención de calidade que necesitan os pacientes. O que fixo a pandemia foi visibilizar a problemática.

—Tamén se ten denunciado que non se reforzan servizos e que se instrumentaliza ao colectivo?

—O persoal séntese enganado porque somos carne de canón. Nas campañas electorais sempre aparecen as fórmulas máxicas para a saúde, e logo non se ven por ningures. Non nos oen e nos catro anos seguintes non dan un paso adiante para resolver a problemática que se arrastra e que se vai agravando co tempo.

—Na enquisa sobre a profesión denunciase que o 62 % das enfermeiras asinaron na súa vida laboral máis de 100 contratos co Sergas?

—Non é xusto que unha persoa estea co teléfono enriba da mesa agardando saber onde te mandan e se tes traballo ou non. Os contratos precarios e a temporalidade son unha lacra da profesión. Se colles a vinte enfermeiras de forma reiterada é que fan falta e o que tes que facer é convocar esas prazas. Hai que crear un plan de necesidades e afrontalo.

—Teñen cuantificado o déficit de persoal que existe?

—Non, pero é un feito constatado que así é, independentemente da cantidade. Co plan estratéxico incidiremos, entre outras cousas, nese aspecto.

—Reclámase un cambio na xestión do Sergas. Ve factible a demanda?

—É posible. Se ti neste momento pos profesionais cualificados á fronte dos equipos, e non ás amigas de, entón podes tratar as debilidades que hai e darlle resposta. O que pasa é que a xente está cansada de facer propostas e que non se lle escoite.

«Un plan de saúde provincial é moi necesario para ver as necesidades que hai»

Entre as iniciativas que se pretenden desenvolver dende o Colexio de Enfermaría de Ourense figuran propostas como o plan estratéxico ou xornadas relacionadas coa saúde mental.

—En que vai consistir o plan estratéxico e en que fase se atopa?

—É unha iniciativa que queremos desenvolver, obviamente require moito tempo e esforzo. Hai aspectos como a elaboración dun plan de saúde provincial que creo é moi necesario para saber as necesidades que hai, porque obviamente a realidade vai máis alá do Sergas —que é a referencia do gran público— e están os organismos públicos, as empresas, a atención aos maiores, a educacións nos colexios e outras iniciativas. A previsión pasa por contar co plan estratéxico nun prazo de entre dous e catro anos.

—A que se refire cos colexios?

—Hai que educar dende abaixo e é fundamental o traballo nas escolas para ensinar accións saudables e corrixir malos hábitos adquiridos. É moi importante facelo nesa etapa para garantir unha mellor saúde ao longo da vida.

—Pero non existe persoal de enfermaría nos centros.

—Hai colexios privados que si contan cun profesional e esa figura debería existir en todos os centros de ensino. Hai comunidades nas que xa está regulada esta figura e traballamos para que tamén se faga en Galicia.

—Teñen ofertas de traballo na web. Contan cun servizo propio?

—Non. Pero hai empresas e organismos que cando precisan xente xa se poñen en contacto connosco porque saben que contan coa garantía e o aval de que lle imos propoñer persoal cualificado e coa formación homologada.

—Ese filtro faise necesario para evitar problemas ou casos de intrusismo profesional?

—É un valor engadido e a seguridade de que iso non vai pasar. Porque se teñen dado casos de intrusismo profesional e nós xa os denunciamos cando tivemos coñecemento.

Dos plans de saúde na Deputación ás rutas de sendeirismo

Aínda que orixinaria da outra beira da Ribeira Sacra, das terras de Ferreira de Pantón, a presidenta do Colexio de Enfermaría de Ourense tira de recurso fraseolóxico para referirse a que un é de onde decide vivir. Aínda que ao tempo lembra que non é tanto aquilo de pacer ou nacer senón que se trata dunha cuestión biolóxica: «Cheguei a Ourense con catro anos e aquí é onde me formei e desenvolvín toda a miña vida profesional». Estudou Enfermaría, fixo varios cursos de Dereito e a carreira de Antropoloxía. Traballou no Hospital Santa María Nai e dende o 2001 faino na Deputación de Ourense, no departamento de Saúde Laboral.

—Como mudou o día a día?

—No hospital estiven traballando en quirófano e en todas cantas seccións había. Na Deputación o escenario é diferente e a miña responsabilidade está vencellada á saúde laboral dos traballadores, á elaboración dos plans de prevención e ás iniciativas relacionadas con educar para mellorar a saúde do colectivo de persoas que pertencen ao organismo provincial.

—Dedicarse á sanidade require un plus engadido de vocación?

—Obviamente o traballo que ten como obxectivo mellorar a saúde e o benestar das persoas require un esforzo especial. Sempre tiven claro que ese era o escenario no que me quería mover e manteño que a enfermaría é coma os ollos nas persoas: naces con ela. Os que se dedican a este traballo teñen unha predisposición ao mesmo.

—Falaba dos problemas engadidos ao exercicio da profesión. Vostede como desconecta?

—As enfermeiras sempre acabamos falando do noso: dos casos que tes, das problemáticas coas que te atopas. Non podes desconectar. Sempre digo que a casa onde hai unha enfermeira é un calvario.

—E fóra diso?

—Gústame pisar a natureza. As rutas de sendeirismo son o que me axuda a desconectar.

Quen son

«Unha persoa moi loitadora e moi constante nesa tarefa na que me implico. Fíxome uns obxectivos e non paro ata que, dunha forma ou doutra, os consiga. E teño unha máxima para superar os atrancos e as dificultades: Patada que me dan, quilómetro que avanzo».