«A Galicia de hoxe non se explica sen a emigración»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia FOZ/LA VOZ

ACTUALIDAD

PEPA LOSADA

Martín Fernández  Vizoso é autor da serie «Memoria de mariñáns» de La Voz de Galicia-A Mariña que ve a luz en dous tomos literarios

21 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Formado en Filosofía e Letras, xornalista —foi durante 15 anos delegado de La Voz de Galicia e otros 15 director de Comunicación de Diputación de Pontevedra— e actualmente directivo na Asociación de Periodistas de Galicia. E gran afeccionado a levantar «pedras» na historia e amosar, debaixo, a descoñecida, sobre todo en relación coa emigración. Paixón que transmite semanalmente na Voz de Galicia Edición Mariña con «Memoria de mariñáns».

—Este venres asina na Feira do Libro de Foz, unha edición sen presentacións por mor do covid.

—Cando se recupere a normalidade (espero que algún día), teño idea de facelas en Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo e Lugo.

—Que sente ao ver pasar do formato de xornal a libro a súa serie «Memoria de mariñáns»?

—Moi agradecido a La Voz de Galicia-A Mariña por darme a posibilidade de escribir e ao Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo que edita o libro. Distribúese vía dixital e en papel e ten unha colección que se chama Crónicas de Emigración, dentro da cal vou ir con eles a presentar o libro nas feiras da Habana, Guadalajara e Buenos Aires. E síntome agradecido aos seguidores en Facebook, que son extraordinarios e dan un apoio marabilloso. En segundo lugar, satisfeito por facer o que eu quería, un libro en memoria do recoñecemento dos emigrantes da Mariña, dos gañadores e os perdedores, pero sempre dos solidarios e ter a posibilidade de salvagardar para o futuro historias de vida, de camiños, de ilusión, dor... Son 47 persoeiros dos 15 concellos da Mariña, ao longode dous tomos: o primeiro ten 317 páxinas e o segundo 381. Estas historias están ilustradas cun total de 160 fotografías. O máximo número de personaxes (25) é de Viveiro.

—Esas crónicas non son meros relatos de feitos. Tamén reivindica dos concellos e sociedade unha homenaxe aos protagonistas.

—Son dos que creo que hai que facer comarca, facer país, facer A Mariña e deixarse de localismos absurdos. Pretendo facer unha memoria colectiva da Mariña a través de singularidades e de persoas. Pero, sobre todo, pretendo acabar con esa idea de que ata hoxe, sempre se destacou a xente da política, da cultura, da filantropía... sempre se destacaron os triunfadores. Ninguén se acorda de xentes descoñecidas pero que foron absolutamente trascendentes para as súas parroquias e os seus pobos [cita como exemplos Arcadio Pardiñas, Farré, Cucurni, Salgueiro, Cao Luaces, Marino López Blanco, Juan Orol, Andrea López Chao...], o mestre que ensinou a ler, o médico cando non había hospital, o que fixo as carreteras, o porto, o que regalou un armonio para a igrexa simplemente... Eu quero eses referentes.

—Tamén hai crónicas negras.

—Xa dixen que hai trunfadores e perdedores, pero sempre solidarios, xente que axudou ás súas familias. Ou... quen non canta Quiéreme mucho e como é posible que o autor de Amalia Bautista non teña unha placa no Vicedo? Ou que haxa futbolistas internacionais que tampouco a teñen nin no campo de fútbol?

—Fala desa emigración do pasado, pero tamén hai unha actual e seguramente unha futura.

—Son moi crítico con que a emigración non figure nos plans de estudo. Ningún rapaz chega aos 17 ou 18 sabendo que había unha cousa chamada emigración en Galicia e da que deriva todo o que é a Galicia actual: o himno, a bandeira, a Real Academia Galega, as carreteras... A Galicia de hoxe non se explica sen a emigración(...) Sobre todo os rapaces teñen que coñecer a emigración porque proxecta a cultura do esforzo, do traballo, do emprendemento por parte dos que escapan da miseria e emprenden en condicións realmente moi difíciles.

—Tamén emigración sempre tivo e ten esa etiqueta negativa.

—Tamén quero acabar coa visión da emigración choromiqueira. Na primeira emigración galega foise o mellor de Galicia. Diso non cabe dúbida. Era xente que sabía ler, culta e que aquí afogaba, sen liberdade, sen posibilidade de desenrolo personal e marcharon buscando un mundo mellor. Penso que hoxe pasa o mesmo. Os rapaces que marchan non teñen ou non ven aquí posibilidades de coronar o seu futuro.

—Cre que algún concello atenderá a demanda de lembrar a eses emigrantes con nome e apelidos.

—Dos políticos non espero moito pero si que é hora de que a sociedade civil tome as rendas.