Clase emigrante

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

ACTUALIDAD

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando rematou o programa pensei no fácil que é esquecer que, hai cen anos, eles eramos nós. Vaia por onde vaia, nos medios, nos cafés, nos hospitais, sempre escoito algún comentario nesgado con respecto á inmigración. Coma se nós non foramos fillos e netos dos emigrantes que no seu lugar de acollida tamén eran «os inmigrantes» (non sempre legais). Esquecemos que nós tamén fuximos e escapamos das inxustizas de primeiros do século XX (a fame, a pobreza, a desigualdade, as guerras), e que os nosos tamén marcharan en pésimas circunstancias.

O caso é que un dos meus programas de radio favoritos, Documentos RNE, emitiu un capítulo sobre o naufraxio do Valbanera. A través dos relatos dos investigadores e dos descendentes do que ás veces foi chamado o «Titanic dos pobres», o programa fai un traballo incrible á hora de contextualizar a catástrofe do 1919: un naufraxio no que morreron cerca de cincocentas persoas, a meirande parte delas, emigrantes das Illas Canarias.

Se a historia do Valbanera é unha das máis tristes da nosa emigración, non é só por tódalas vidas que se perderon, senón polas condicións nas que viaxaban (nunha «clase emigrante» que un dos pasaxeiros definía así nunha postal: «Ni los cerdos tienen nada que envidiarnos») e polo esquecemento arredor das súas historias.

Por iso me emocionei cando escoitei ao equipo de investigadores que, cen anos despois, decide honrar a aqueles que non tiñan voz, a aqueles que desapareceron sen que ningunha institución se preocupase por recuperar os seus corpos. Pois son esas historias as que nos axudan a lembrar que nós tamén somos eles: cambian os mares e os náufragos, pero as historias son as mesmas...