Anónimos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

ACTUALIDAD

18 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

verdade é que é encomiable o traballo que fai Luis Lamela recuperando historias perdidas de emigrantes da nosa comarca. Xente que se criou nos mesmos lugares e camiños polos que hoxe pasamos nós con indiferenza, e seguramente para eles foron as imaxes que sempre os acompañaron ata que morreron, se non puideron volver, como nexo invisible coa súa terra.

Son moitos. Penso nunha tía avoa miña que marchou a Brasil con 30 e poucos, xa tarde para o que era habitual, e que con 92 aínda segue por aló. Aqueles carreiros que se cadra imaxina ás veces xa non existen: a parcelaria levou todo, ata os nomes das leiriñas e herbais, que malamente imos conservando. Cada un sabe o caso de xente próxima, de tíos, avós, bisavós, e grazas ás inquedanzas de Lamela, aos datos e imaxes que atopa, tamén pensamos un pouco nos dos demais, o que en certo xeito é facer comarca.

Este traballo ten un aire (aínda que noutro contexto) a un pequeno museo que hai en Fromelles, no norte de Francia, cerca de Lille. Alí apareceron hai anos os restos de soldados mortos nunha batalla da primeira guerra mundial. Pola teima duns veciños e unha institución, con análises de ADN, correos e moitos arquivos, conseguiron saber quen estaba alí enterrado. Xente esquecida para sempre, ignorada, agora aparece nese museo, diante de ti, con fotos que pasaron as respectivas familias dende varios lugares do mundo. Cos datos da súa vida, o seu traballo... Volveron a vivir na morte. Pois cos emigrantes pasa o mesmo. E, como siga o abandono no rural, axiña terá que facer algo parecido sobre os moradores de casas xa derruídas.