Isabel Blanco: «Gustaríame ter sido John Malkovich»

ACTUALIDAD

A actriz e produtora aparece vestida de branco, cuns ollos que abre moito e un sorriso tan poderoso como o que se ve na televisión

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foi sinxelo pechar unha cita con Isabel Blanco (Berna, 1974), pero finalmente vémonos nunha cafetería da Coruña onde aparece vestida de branco, cuns ollos que abre moito e un sorriso tan poderoso como o que se ve na televisión. Vén falar do seu novo proxecto, un programa producido e presentado por ela sobre a emigración. Isabel non quere entrar pola parte frívola da entrevista. Semella que toma todo moi en serio.

-Que está a facer agora?

-Desaparecín do mapa dous anos porque montei unha produtora para contar historias de emigración. É un formato novo que fala das xentes que xa non son emigrantes, senón cidadáns do mundo, e que se vai emitir pronto na TVG co nome de Pasaporte Galego. Eu síntome moi preto de toda esa xente.

-Porque a súa tamén é unha historia de emigración.

-Meus pais emprenderon un camiño de Santiago, pero ao revés. Menos espiritual e máis económico, e trazaron desde aí o seu mapa do mundo. Meu pai contábame a diario a historia de Santa Comba e as súas xentes e, cando eu chegaba alí, coñecía a todo o mundo. Meu pai morreu moi novo, pero deixoume un gran legado. A emigración é un eixe central da miña vida. Marcoume para ben e para mal. Fíxenme produtora para destilar todo iso vivido.

-Tamén está na televisión portuguesa.

-Si, estou na RTP facendo Verão azul, que é un remake da serie española. Despois de ano e medio no programa Pasaporte Galego, case sen vida social, só traballando, colgo todo e soa o teléfono para ofrecerme este papel. Chego alí no coche de produción, probas de vestiario, moitas atencións... Tratáronme moi ben. Goceino moito.

-Mellor interpretando que producindo?

-As dúas cousas son igual de divertidas.

-Como era de pequena?

-Era moi boa. Algo travesa tamén, pero en Suíza non podes facer moitas travesuras; é un país cheo de normas. Lembro aquelas viaxes de miles de quilómetros metidos no coche. Acababas nunha aldea que era o mundo rural, e entendías a túa conexión telúrica con isto, alimentada todo o ano. Galicia era como a terra soñada. E sempre era unha dor cando che dicían: «Cando marchas?» Maldita frase!

-Deixemos a emigración e póñase imaxinativa. No reparto de que película de todas as que se rodaron na historia lle gustaría estar?

-Hum, en Blade Runner. Hai moitas fantasías na cabeza. Se fose home gustaríame ter sido John Malkovich. Gústanme todos os raros. Tamén Sean Penn. Ou Rutger Hauer.

-Que lle gusta facer cando non traballa?

-Gústame vivir. Facer o que sexa.

-Autodefínase en poucas palabras.

-Uf! A ver... Traballadora e extremadamente familiar. Desprezo o superfluo e tamén son fantasiosa... por exceso de realidade.

-Vívese mellor sendo guapo ou guapa?

-Non vivirei os anos suficientes para responder a esta pregunta. Pero diría que non me foi especialmente mellor pola miña aparencia física. Seguramente foi máis un hándicap ca outra cousa. Eu fíome pouco da beleza, pero fascínanme a intelixencia e a bondade. A beleza máis grande é ter moitísima alegría.

-Namórase moito?

-Digamos que, cando me namoro, fágoo incondicionalmente.

-Non ten fillos.

-Eu, se tivese que ter fillos, teríaos como a min se me educou: nun núcleo familiar. Non chegou o momento porque me chegaron moi pronto meus sobriños. Comecei a dedicarme a eles e convertéronse nun eixe central. O instinto materno activóuseme aos vinte e pico e aí está, flotando, ha, ha.

-Que tal na cociña? Gústalle?

-Fascíname. O cebiche de corvina e os baos [tipo de bolo de pan recheo, habitual da cociña chinesa] son os meus pratos do verán. Imposible non estar ao día das tendencias, tendo ases da cociña tan preto. A cociña de investigación paréceme o máis. -Prescindindo do que pensan, que candidato lle parece máis atractivo? Pedro Sánchez, Pablo Casado, Albert Rivera ou Pablo Iglesias?

-A política non me atrae.

-De que se arrepinte?

-Arrepíntome de non facer.

-Un lugar favorito.

-Schwellbrunn, a vila onde fixemos 1 franco, 14 pesetas.

-Como é un día perfecto?

-Pois un día coa miña familia, os meus ami­gos e que todo o mundo estea ben. Non podo ser feliz se os meus satélites non o son.

-Como se leva co móbil?

-Teño un flirteo incrible con el. Pero é que teño moitas cousas do traballo no móbil. Aínda así, intento que as dependencias non dominen a miña vida.

-Unha canción.

-I willl survive, de Gloria Gaynor.

-Que é o máis importante na vida?

-O dereito a vivila. E amar.