Emigras ou traballas?

Lucía Dalama Gómez

ACTUALIDAD

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alén do mar, no fin da terra, no cu do mundo, maxino ao Cristo de Corcovado facendo o Titanic na proa do Atlántico, dende a outra beira do mar; a silueta nítida de recorte perfecto, foto Instagram para un de tantos colgadoiros celestiais. «Mañá dareille outra volta», pensará o sol cando se pon, decepcionado de erguerse unha e outra vez sobre a humanidade agora que gañaron os parvos, agora que deixou de ser tal.

Nesta Galicia sen Castelao e con Castela «as cousas do mar non se contan na terra», pero as cousas da terra veño a contarllas ao mar. E cando a faísca astral asoma o seu fío reflexo, incandescente e patagónico sobre o espello do ceo, penso en que intre nos esquecemos dos que están no chan. E ti? Emigras ou traballas? Xa somos todos galegos neste país de celofán.

Dende o primeiro mundo (segundo quen?), onde esquecemos a nosa insignificancia, pedinlle a aquela cunca oceánica que non nos tragara a terra, que xa o fará o mar. «A vergoña xa é un sentimento de revolución», dicía Karl Marx. Que enchenta debo ter entón de afán revolucionario se xa non me pasa pola gorxa nin un corvo máis criando a outros corvos para cagarlles o marrón! E aínda hai quen presume deste mundo de tolos no que Astérix e Obélix non pasan nin catro probas. Se vos virades coma nos vexo eu: vaidosa morea de átomos facendo o ridículo, ateigados do cinismo que nós mesmos esculpimos, a ferro e gatillo, para sentirnos mellor.

Devoramos o mundo. Xúrovolo, papámolo; e cando xa só quedaba o miolo, abandonamos os quilates neurolóxicos da nosa protoxenialidade insaciable, cambiámola por un tazo de Alakazam e mediocridade; pechamos fronteiras, erguemos muros, aniquilamos culturas; apilamos os corpos inertes das intelixencias caídas que nos podían salvar; seguimos co «corazón senlleiro e orfo na noite fría», que cantaría Batallán. Onde está a revolución xurdida deste sentimento de vergoña? Ou estades de carallo neste Estado de Benestar? Xa estamos mortos como esta estirpe analfabeta e desprendida non vaia aprendendo a recuar.

Lucía Dalama Gómez. 27 anos. Ourense. Arquitecta.