Lois Tobío, un galeguista universalista

CARLOS NUEVO (CRONISTA OFICIAL DE VIVEIRO)

ACTUALIDAD

CEDIDA POR CARLOS NUEVO

O seu periplo vital está completamente vencellado a moitos dos acontecementos máis relevantes do século XX en Europa

28 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de Lois Tobío, é falar dun viveirés universal, cosmopolita e viaxeiro, que por distintas circunstancias vitais e de exilio residiu en Compostela, Alemaña, Sofía, Valencia, Barcelona, París, Nova York, Cuba, México, Brasil, Buenos Aires e, finalmente en Montevideo, no Uruguai. O seu periplo vital está completamente vencellado a moitos dos acontecementos máis relevantes do pasado século XX en Europa. Tobío converteuse nunha testemuña de excepción dos intensos devalares dun tráxico e longo período histórico marcado pola revolución rusa, así como polas dúas grandes guerras europeas que rematarían coas vellas tentacións imperialistas e co nacemento de diversas, realidades nacionais. Foi tamén partícipe directo das tensións producidas na República de Weimar, antes do ascenso nazi ao poder, da proclamación da II República, dos tráxicos anos da Guerra Civil española e do posterior exilio americano, da «Guerra Fría» e da Transición.

A pesar dos moitos factores negativos, eses acontecementos servirían para conformar nel unha sólida formación humanística e intelectual, converténdoo nunha das grandes figuras imprescindibles desta nación «anterga e eterna», chamada Galicia.

O rigor e fondura das súas análises, o seu pragmatismo e o constante seguimento das novas e dos cambios internacionais, foron sempre obxecto prioritario de estudo ou mesmo de divulgación ao longo de toda a súa vida, en especial, durante o tempo circunstancial no que exerceu como xornalista de El Día, en Uruguai. Lois Tobío, ao igual que aqueles vellos humanistas ou renacentistas, que amosaban interese por case todo; converteuse dende moi noviño nun profundo observador e analítico esculcador da realidade, tenaz e traballador incansábel, capaz de dedicar a súa atención a campos tan dispares e complementarios como: o dereito, a ensinanza, a diplomacia, o ensaísmo, o xornalismo, o novelismo, a historia, a tradución de idiomas, a música, as artes...

Ademais, Lois Tobío foi sempre un galego de lei, un galeguista comprometido coa realidade social e política do seu País. Compromiso que adquiriu dende os seus tempos mozos de estudante universitario en Compostela. Un galeguista universalista que trataba de coñecer primeiro a súa aldea, como diría Tolstoi, para despois abrirse ou proxectarse cara ao mundo exterior e, non ao revés. Tobío, ao igual que os membros da Xeración Nós e os máis novos do Seminario de Estudos Galegos (SEG), ao tratar de partir sempre do indiferenciado ao diferenciado, do xeral ao particular, do abstracto ao concreto, estaban refugando conscientemente da uniformidade ou da perda da identidade cultural dos pobos. Desa identidade que permanece solidificada sobre soportes tan fortes e imperecedoiros como a lingua, a paisaxe, a cultura, a historia e a memoria colectiva. En resume, o que nos conforma como comunidade diferencial, pero, ao mesmo tempo, complementaria, dentro do concerto universal dos pobos libres.

Fixádevos ben, como no mundo actual, máis globalizado e controlado que nunca, os poderes «fácticos» tratan de impoñernos contínua e reiteradamente os seus afáns alienadores, tanto dende o punto de vista social e económico, político ou cultural, pretendendo igualarnos e intentando facer desaparecer as diferencias nacionais ou, incluso, impoñendo unha soa lingua. Evidentemente, cal é a reacción? O efecto contrario: o novo amencer dos pobos asoballados.

Hoxe imos ter, sen dúbida, a oportunidade cos distintos relatorios de coñecer, un pouco máis en profundidade a participación de Tobío na construción política e xurídica do nacionalismo galego. Pois non debemos esquecer o seu importante rol como redactor dun dos primeiros anteproxectos estatutarios de Galicia, en 1931; como promotor e asesor do Consello de Galicia, en 1945, con Castelao ou como organizador do Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en Buenos Aires no 1956. Ademais, do seu inxente traballo como colaborador, na elaboración da Historia de Galicia, dirixida por Otero Predaio.

E xa para ir rematando, tan só dar unhas lenes pinceladas sobre a enorme figura de Lois Tobío, dende o ámbito da ética e da amizade, algo tan escaso nestes tempos de corrupcións xeneralizadas, de intrigas e intereses personalistas.

Recordar a Lois é recordar a unha persoa calada, observadora, estudosa, analítica, reflexiva e mesmo, tímida, pero nunca medosa, senón valente, autocrítico, incorruptible, pleno de dignidade e de sapiencia. Partidario de ir paso a paso, amodo, pero sen pausa, asentando sempre moi ben as bases e concienciando ou convencendo ás persoas pola razón. Un Tobío sempre moderno, permanentemente vangardista, constantemente actualizado, ao que lle acaían todos os ismos posibles: galeguismo, marxismo, progresismo, ecoloxismo, universalismo, poliglotismo... Capaz de amar ao seu pobo por riba de todas as cousas e tamén aos seus amigos e amigas. E digo todo isto, porque tiven o privilexio de ser o seu amigo cando estaba compoñendo esa gran obra autobiográfica e bastante máis que son As Décadas de T.L. Cantas horas de paseos, charlas, xantares e convivencias na súa compaña durante as vacacións estivais! Que lección de amizade por parte de Lois cando constituímos o Seminario de Estudos Terra de Viveiro (vai para 25 anos), seguindo os seus sabios consellos e suxestións. Que gan acerto na elección do nome (a imitación do vello SEG, pero en clave viveiresa) e que mostra de fidelidade cando non dubidou en alongar as súas vacacións par darnos o respaldo necesario nuns momentos certamente difíciles. Mesmo, aconsellándonos aquelo de: «Nós sos, sen ataduras, sen dependencias, libres». Por se fose pouco, non só actuou de padriño do recén nacido, senón que convocou ao Isaac Díaz Pardo, que sempre acudiu «bo e xeneroso» montándonos unha rutilante Exposición Inaugural con fondos conservados do SEG, do que o propio Lois fora cofundador.

Certamente, con mestres como Lois e o Isaac, ben poden aparecer nos atallos e camiños da vida todos os raposos «embolleirados» que queiran, porque de verdade vos digo: non han facer a máis mínima mella en nós.