GlobalGalicia

Carmiña e Manolo: saudade e bágoas

Carballo municipio

Toni garcía de seárez
Una feria de otros tiempos

DENDE MONTEVIDEO | Nova entrega de Toni García de Seárez. Chegaron cartas de Manolo para Carmiña, pero Carmiña xa morrera, e morreu chorando o morto

18 Sep 2021. Actualizado a las 05:00 h.

A veciñanza nas aldeas de Bergantiños convértese moitas veces nun trato case que familiar. Alí a vellez reflectise na representación social e no respecto ás canas e aos anos. E así, aínda que non exista ningún goteiro sanguíneo, todos os maiores de idade son «tíos»: O «tío Xan», a «tía Sabina», a «tía Pepa do Seixo», etcétera. Por iso, a Sabino Regueira, aínda a pesares de ter nacido no lugar de Vilar de Suso, na parroquia de Sísamo, todos lle dicían «O tío Sabino da Grela». Ninguén sabía o porqué.

Para chegar á casa de Sabino había un carreiriño entre nabais e hortas. Non era longo, pero era fermoso porque dende alí víanse amieiros, carballos… Un verde limpo, tenro, onde tecen a súa algarabía, no ceo azul da mañá, centos de merlos, millarengos, xílgaros e verderolos…

A casa de Sabino xa non existe, foi desfeita polos donos actuais, unha familia que veu a máis, como outras viñeron a menos. Sabino era un home alto, de poucas miras, tímido, bo bailador de muiñeiras, falto de misas, e ademais ateo. Usaba sempre como bastón un sacho, xogaba ás quinielas e gustáballe o viño tinto, pero non se pasaba. Tiña moitos fillos, bos mozos e todos eles saíron de proveito. Sabino tivo tamén fillas, boas mozas, pero con elas non foi tan afortunado coma cos fillos. Morréronlle as máis novas cando xa eran señoritas.

Foron todas modosas, sinxelas, educadas e bonitas. Unha chamábase Irene e a outra Carmiña. Irene era alta, de moita prudencia e recato, e só saía da casa para ir a misa. Sempre de traxe negro, chaqueta cumprida, pano na cabeza e seriedade nos beizos. Era unha alma limpa de todo mal, afable, doce e donairosa.

Carmiña xa era doutra maneira: espiritual e fermosa coma un anxo. A súa palidez de lirio enfeitizaba a calquera, e cando ía por Carballo, os domingos de feira, os mozos arredaban dela e descubríanse como se pasara a Virxe María, pero Carmiña saudábaos e sorríalles amosando unha dentadura branca que brillaba na súa faciana coma un ringleira de xasmíns . Os mozos ficaban lelos e sen fala. Carmiña era adorable. Pero un día os irmáns de Carmiña emigraron para Uruguai e ela quedou tristeira coa marcha dos seus irmáns, que deixaron correr os anos sen escribir a seu pai e a súas irmáns.

Vidriera de la iglesia de SísamoBASILIO BELLO

Pasado algún tempo, unha tarde borrallenta e ventosa de marzo, chegaron a Carballo noticias de que o máis novo, Manolo, a quen ela máis quería, tiña morto en Montevideo, e Carmiña vestiu de loito. Non saía, andaba sempre apenada pola morte de Manolo… Carmiña morreu de tristura moi nova e sen tirar xamais o loito. Foi unha traxedia na parroquia e no municipio. Meses despois da súa morte chegaron cartas de Manolo para Carmiña, pero Carmiña xa morrera, e morreu chorando o morto.

Nunca volveu a Galicia

Hoxe Manolo ten moitos anos. Nunca volveu a Galicia. Está xubilado, vive ben e coida de dous netiños fermosos. Manolo, de vez en cando mira a televisión de Galicia, e nos seus ollos brilla a melancolía. Tamén escoita o programa de radio Sempre en Galicia e sente nostalxias e lembranzas da súa terra… Manolo, ás veces, ceiba unha bágoa pola súa meixela fruncida polos ventos da Pampa e polos anos. E no seu laio, ás veces, acórdase de Sísamo, aínda que sexa tarde. Tamén se acorda de Carmiña, aínda que tamén sexa tarde. Manolo quere esquecerse da súa Terra, pero anda decote con ela no peito.


Comentar