«Ao final xa daba medo traballar na mina. Eu marchei para Suiza»
A Mariña
O viveirense Camba, de 84 anos, falará da súa experiencia o domingo durante a apertura do museo do xacemento da Silvarosa
03 Apr 2019. Actualizado a las 21:00 h.
Manuel Camba Rivera, Lolo, ten 84 anos. O domingo 7 será un dos protagonistas en Viveiro na inauguración do museo das antigas minas de ferro da Silvarosa, que impulsa a Asociación Cultural e Deportiva Minas da Silvarosa. O centro ocupará as antigas escolas de indianos de Vieiro, onde o veciño Manuel Camba narrará a súa experiencia e relatará ducias de anécdotas. El é un dos exmineiros máis veteranos que reside na zona e, aínda que na etapa final da mina, coa firma Ensidesa á fronte, se cuestionaba a calidade do mineral, el asegura que era «boa».
-¿Cando empezou a traballar na mina?
-Empecei sobre os 18 anos e alí estiven bastantes anos. No 1963 funme para Suiza, e xa parara na mina dous ou tres anos antes.
-¿Como entrou a traballar, por familiares ou coñecidos?
-Eu era veciño da parroquia e cando empecei xa tiña un cuñado traballando.
-¿Cantos traballadores eran?
-Non me acordo do número. Sei que había xente de Vieiro e doutros sitios de Viveiro, pero tamén viña xente de Bravos, de Riobarba...
-¿Era un traballo duro? ¿cal era a súa función concreta?
-Os traballos na mina non son brandos, pero íase levando. Eu dentro da mina carretaba para fóra o mineral con vagonetas, tamén traballei nos avances... estiven en moitos sitios. Para traballar na mina, había que valer para todo.
-¿E pagaban ben?
-Sempre se gañou pouco. O que traballaba fóra, gañaba menos e o de dentro, algo máis.
-¿Que lle parece que por fin se vaia abrir o museo?
-Paréceme ben. En todo o que eu poida axudar, aquí estarei. Gústame a idea para que todo o mundo saiba como se pasaba na mina e como era aquelo.
-Para que a xente nova saiba como era un traballo hoxe difícil de imaxinar...
-Deso se trata, aínda que a moitos novos cando lle falas disto non se che fan moito caso. Nós falamos daquela excravitude que vivimos e a xente nova non o entende porque non o viviu, pero tamén máis vale.
-¿Traballaban todos os días?
-Si, iamos a turnos.
-¿Por que decidiu emigrar e deixar a mina?
-Porque ao final xa tiñamos medo. [Relata unha discusión que presenciaron os traballadores entre o director da mina e un facultativo, en plena construción dunha cheminea]. Deron en quitarlle os machóns e a mina esfondaba nalgunhas zonas. Ao final daba medo traballar na mina. Estabamos dentro e sentiamos esfondar. Eu marchei para Suiza.
-E foi para Suiza. ¿A que se dedicou alí?
-Empecei axudando nunha casa de campo, na que estiven moi contento, e despois fun cambiando. Traballei nunha especie de gardería de cabalos e despois fun a un lago a pescar cun patrón. Botei dez anos en Suiza e logo volvín para aquí.
-¿En que se empregou á volta?
-Empecei aquí na construción, despois andiven no reparto para o Cariñés, fun para a agrupación [construción Alcoa], logo enfermei e xa me retirei.
-E agora con 84 anos disposto a seguir botando unha man..
-Si. Aquí estou, disposto a colaborar en todo o que eu poida facer.