GlobalGalicia

Carlangas, 9Louro e Tapa D'Orella completan o cartel do EmigraSON 2027

Cultura

Javier Becerra Redacción / la voz
Carlangas

O festival celebrará a súa quinta edición os días 5 e 6 de marzo en Bruxelas, contando tamén con Mondra, De Ninghures e Dani Cornes

16 Nov 2026. Actualizado a las 13:11 h.

O EmigraSON xa ten completo o cartel da súa quinta edición. Carlangas, 9Louro e Tapa D'Orella son as últimas incorporacións ao festival que volverá converter Bruxelas nun punto de encontro da cultura galega os días 5 e 6 de marzo de 2027. A programación inclúe tamén unha foliada a cargo da Asociación Cultural Galega A Roda, con sede en Lausana (Suíza).

Carlangas, un dos principais atractivos do festival nesta edición, definiu o ano pasado o EmigraSON como «prescritor da música galega actual». Agora será el quen pise o escenario no que brillaron no pasado artistas como Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants e Terbutalina. Trátase do proxecto en solitario de Carlos Pereiro, despois de liderar Novedades Carminha, unha das bandas con maior pegada na música galega. Desde entón que conta xa con dous traballos, o último deles, Universo paralelo, editado este ano.

Pola súa banda, 9Louro regresará ao EmigraSON despois de participar na anterior edición, na que o escenario da sala La Tricoterie quedou pequeno para a súa proposta. Agora volve como o que é, un dos grandes nomes da nova música urbana galega. O seu último álbum, AMORRER, o terceiro que publica en catro anos, presentouno en Santiago cun concerto na Sala Capitol para o que esgotou todas as localidades en apenas media hora.

Tapa D'Orella é un proxecto formado por Willoz GHZ (Darío Burgos) e Pappaquino (Joaquín Limia). Os dous músicos combinan elementos da música urbana co folk, o ska e a verbena nunha proposta que busca romper as fronteiras entre estilos.

Dúas salas

A programación desenvolverase en dúas salas. O venres 5 de marzo, La Tricoterie acollerá as actuacións de Tapa D'Orella, Dani Cornes e Rager, ademais da foliada da asociación A Roda. O sábado 6 será a quenda de La Madeleine, onde actuarán Carlangas, 9Louro, Mondra e De Ninghures.

A presenza de A Roda incorpora tamén a dimensión tradicional e comunitaria do encontro. Fundada en 1991 en Suíza, a entidade traballa na difusión da lingua, a música, a danza e a gastronomía galegas entre a comunidade emigrante.

A quinta edición chega tras dous recoñecementos ao festival. O pasado 3 de novembro obtivo o Premio PALCO ao Mellor Proxecto de Comunicación, nos Premios da Industria Musical de Galicia, e semanas antes fora distinguido co Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior.

Nado en 2023 como unha iniciativa autoxestionada por un grupo de galegos residentes en Bruxelas, o EmigraSON comezou a súa andaina nunha pequena sala con capacidade para 200 persoas. Desde entón, foi medrando como punto de encontro para a comunidade galega emigrada e como escaparate da creación musical do país en Europa. 

Na edición de 2026 reuniu preto de 2.000 persoas nas salas La Madeleine e La Tricoterie. Polos seus escenarios pasaron xa artistas como Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants, Fillas de Cassandra, Ortiga e Terbutalina. Nos seus plans está facer una extensión do festival en Arxentina.

 


Comentar