GlobalGalicia

O director da Banda de Sober debuta na orquestra do Teatro alla Scala de Milán

Sober

Miguel Franqueiro coa súa tuba no Teatro alla Scala, en cuxa orquestra foi admitido o pasado ano

Miguel Franqueiro participa como intérprete de tuba nunha serie de representacións da ópera «Aida»

13 Oct 2020. Actualizado a las 13:20 h.

Miguel Franqueiro Becerra, director da Banda de Sober, debuta este mes como intérprete de tuba na orquestra do prestixioso Teatro alla Scala de Milán. Baixo a dirección de Ricardo Chailly, Franqueiro participa nunha serie de funcións da célebre ópera Aida, de Giuseppe Verdi, que comezou o pasado día 6 e que terminará o próximo 19. É a primeira vez que o músico actúa con esta orquestra, despois de gañar unha audición de tuba en xullo do ano pasado.. O ciclo de representacións de Aida, por outro lado, é un dos primeiros espectáculos que ofrece a orquestra do Teatro alla Scala desde marzo, cando a súa actividade quedou interrompida a causa da pandemia.

Franqueiro recorda que hai vinte anos visitou o teatro milanés durante unha viaxe que fixo coa banda Unión Musical Ponteledesma —radicada no municipio de Boqueixón—, na que iniciou a súa formación musica. «A guía que nos acompañaba díxonos: ‘Todo músico que se precie soña con tocar aquí'», señala a este respecto. «Nunca esquecín esas palabras, un soño cumprido», agrega.

Á marxe do seu labor como intérprete na orquestra italiana e como director da Banda de Sober, Miguel Franqueiro colabora coa Real Filharmonía de Galicia, a Sinfónica de Galicia, a Orquesta Nacional de España, a Orquesta de RTVE, a orquestra do Teatro de Barcelona e a filarmónica do Teatro Regio de Turín, entre outras formacións. O Concello de Sober felicitou publicamente ao músico por este traballo «e polas posibilidades que a súa formación e experiencia traen consigo para os músicos da localidade».


Comentar