«O Parlamento Europeo é unha boa oportunidade profesional»
Europa
Estudou Informática no IES San Clemente e explicou ao actual alumnado do centro como chegou á Eurocámara
22 Oct 2014. Actualizado a las 08:40 h.
«Hai uns anos comezou nas institucións da UE o programa Volver á escola, para que o funcionariado regrese ao centro en que se formou e comunique as súas experiencias», explica Javier Calviño López, que ten a responsabilidade de Proxectos Informáticos na Dirección Xeral da Innovación Tecnolóxica do Parlamento Europeo. En 1992 conseguiu o título de Informática de Xestión no IES San Clemente, onde onte explicou a alumnado desta familia profesional a súa traxectoria.
-¿Que lle dixo ao alumnado de agora?
-Que hai 22 anos eu estudaba aquí. Falei do meu percorrido profesional desde que deixei o centro, os idiomas que estudei, as probas a que me presentei e o que fago agora. Porque o programa Volver á escola pretende tamén difundir como o Parlamento Europeo é unha boa oportunidade profesional.
-¿Como foi a súa traxectoria profesional?
-Ao pouco de finalizar no instituto San Clemente encontrei emprego na Xunta, onde traballei 12 anos. Nese tempo preparei as probas para ingresar na UE.
-¿Como foi o proceso selectivo?
-Primeiro tiven que superar probas en Madrid, bastante duras; e despois entrevistas, e máis probas escritas, en Bruxelas. O meu posto, desde o inicio, está en Luxemburgo, no Parlamento.
-¿Como valora a súa experiencia na Administración europea?
-A miña incorporación foi en xaneiro do ano 2004, primeiro como administrador de sistemas e soporte, e no ano 2011 comecei na actual responsabilidade. Agora trato de que prosperen na práctica as propostas que me chegan, e para iso hai que saber administrar o orzamento, ou contratar empresas e produtos se é preciso. Teño un traballo dinámico, procuro buscar sempre as últimas tendencias para dar resposta ás necesidades que me presentan.
-¿Cal é a xornada laboral no Parlamento Europeo?
-É de 40 horas á semana: de 8.30 a 13.00 os días laborais e, após dunha hora ou hora e media para almorzar, continúa até as 17.30 . É unha xornada normal en Europa.
-¿Prevé regresar para aquí?
-Non o sei, agora mesmo é complicado porque teño fillos que estudan alí. Luxemburgo é un país moi seguro, con bo nivel de vida, aínda que aquí hai tamén outras cousas ben interesantes.
javier calviño lópez funcionario da ue en luxemburgo