«Europa aínda é o lugar do planeta onde mellor se vive»
Europa
Afirma que «Galicia non é periférica no proxecto da identidade europea», polo celtismo e o Camiño de Santiago
23 May 2014. Actualizado a las 10:42 h.
«Na campaña das eleccións europeas non hai moita participación por desinterese, por pensar que é un tema que fica moi lonxe de nós, cando en realidade o que se decide en Europa é fundamental e afecta moito aquí», afirma Luís Magarinhos, licenciado en Empresariais pola Universidade de Vigo e en Humanidades pola de Barcelona. Onte lanzou na libraría Ciranda o libro O eterno retorno da Europa, publicado en Portugal e alicerzado nun traballo académico para o máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC. Tamén traballou 3 anos en Brasil, nun programa do Igape.
-¿Como afecta aquí o que se decide en Europa?
-Afecta xa moito, porque o 50 % das normativas que temos hoxe son transposicións europeas. Este libro é unha visión sobre Europa onde predomina un punto de vista cultural, dos valores, de como somos os europeos.
-¿E a que atribúe ese desinterese sobre temas europeos?
-A que se analiza a Europa actual con visión economicista negativa. Do que máis se fala é da troika, do Banco Central Europeo, dos problemas da economía. E iso non deixa ver outros aspectos positivos, como as facilidades da non existencia de fronteiras.
-Parece un europeísta moi convencido.
-Con certeza que o son. A UE integra a 500 millóns de habitantes, é a primeira potencia económica mundial, e non hai suficiente conciencia desa importancia. Moitas veces os europeos parecemos non saber ben os privilexios que temos: Europa aínda é o lugar do planeta onde mellor se vive; e cos dereitos humanos, sociais, e de todo tipo máis desenvolvidos.
-¿Cal é o principal mito fundacional de Europa?
-Non hai un claro, aínda se fala de varios, como a civilización grega, o cristianismo, o celtismo ou o Camiño de Santiago. Por estes dous últimos, Galicia non é periférica no proxecto da identidade europea; xa dicía Goethe que Europa se construíu camiñando a Santiago.
-¿Que diferenza máis aos europeos doutros pobos?
-Europa é no fondo moi parecida, con características como ser persoas máis críticas e inconformistas. É un modelo no medio entre a cultura oriental de Asia e a dos Estados Unidos.
LUÍS MAGARINHOS AUTOR DE «O ETERNO RETORNO DA EUROPA»