«Traballamos nas consecuencias dos conflitos armados, non nas causas»
Sociedad
Gabriel Sánchez, responsable da Unidade de Emerxencia de Médicos sen Fronteiras, responde no seu departamento ás crises nas ue non chegan os recursos locais
30 Mar 2018. Actualizado a las 18:42 h.
Naceu en Bos Aires, pero é galego fillo de emigrantes. Gabriel Sánchez, responsable da Unidade de Emerxencia de Médicos sen Fronteiras (MSF), ten moi claros os obxectivos da oenegué á que pertence, responder ás crises que aparecen no mundo, moitas veces converténdose na única organización internacional que acude; e traballar sobre as consecuencias dos conflitos sen ter en conta os posicionamentos dos actores implicados. Ese é o humanitarismo.
-¿Que indicadores determinan que hai unha crise na que ten que actuar MSF?
-Os principais son os relacionados coa mortalidade e a morbilidade. O que facemos é responder a todos os casos nos que as cifras superan uns límites internacionalmente recoñecidos e difundidos. Normalmente o que utilizamos como criterio é unha catástrofe humana ou médica que supere de xeito importante as capacidades locais.
-Sexa por conflito bélico, epidemia, fame, catástrofe...
-Normalmente temos tres tipos de escenarios. Os ligados a conflitos, asistindo aos feridos e persoas que sofren directamente a violencia, ou ás que se desprazan. Despois están as urxencias médicas, que soen estar ligadas a epidemias, e nas que se inclúen as crises nutricionais; e logo están as catástrofes naturais, nas que traballamos menos porque a comunidade internacional ten mecanismos bastante máis desenvolvidos para este tipo de situacións. Moitas veces as emerxencias están combinadas, atendes un conflito e é frecuente tamén responder a unha epidemia ou a unha crise nutricional.
-¿Que países teñen agora as peores emerxencias?
-Os principais contextos de emerxencia son Bangladesh, a última en abrirse, e un gran número de países nos que levamos anos porque son conflitos de longa duración: Siria, Iemen e o lago Chad, afectando a Nixeria, Níxer, Chad e Camerún; así como Libia, a República do Congo, República Centroafricana...
-MSF acaba de saír de Rann, en Nixeria, por motivos de seguridade, ¿cando se abandona un país?
-MSF intenta esgotar as posibilidades de intervir nunha situación de emerxencia sempre que a seguridade o permita. Para nós é un indicador que os diferentes actores armados acepten a nosa presenza e respecten o noso traballo sen que nos convertamos nun branco. En Rann a protección non era suficiente, estaban dándose episodios de violencia, non tendo a MSF como branco pero si con alto risco. O que facemos é seguir monitorizando a situación de seguridade para, en canto sexa posible, volver.
-¿Como se negocia con gobernos escasamente democráticos?
-Intentamos manter contacto regular con todos os actores, independentemente da súa procedencia, tanto gobernamentais como non gobernamentais. A negociación sempre é difícil, pero intentamos explicar o valor de ter a MSF como organización humanitaria neutral e imparcial dando servizos de saúde. As nosas intervencións baséanse en criterios de necesidade, nunca nos vemos involucrados nos aspectos políticos ou de conflito.
-Hai que deixar na casa os prexuízos.
-O noso obxecto é despregar os equipos necesarios para facer os traballos médicos. Non entramos a valorar posturas políticas ou violentas dos diferentes actores. Esa é unha característica do humanitarismo, traballar sobre as consecuencias dos conflitos e non sobre as causas.
-Traballan en países con epidemias, mentres en Europa medran os grupos antivacinas.
-MSF utiliza a vacinación como unha estratexia preventiva de primeira importancia e ten corroborado a súa importancia en situacións de crise humanitaria para reducir a morbilidade e a mortalidade. Desde MSF non existe ningunha dúbida sobre o valor engadido da vacinación, pero no nos manifestamos en relación a estas controversias.