Cando os edificios de Vilalba amosaban o éxito en América
América
A pegada dos emigrantes cambiou o urbanismo a comezos do século XX
16 Nov 2014. Actualizado a las 05:00 h.
Non debemos esquecer que a historia da Humanidade é unha carreira de avances tecnolóxicos nin que a arquitectura representa o espírito e pensamento dunha época. A inicios do século XX a introdución do ferro, do formigón armado e do vidro na casas de nova factura supuxo un cambio no modo de vida e de costumes das persoas. Se a estes avances lle sumamos os que viñan da man da medicina e das necesidades de organización espacial dentro dos edificios, acabamos comprendendo as razóns polas que as vivendas pasaron a ter os teitos altos, interiores diáfanos, cuartos luminosos, illamento da calor e do frío, auga corrente, e, para dar realce, fachadas decoradas dentro dunha estética variada. Claro que para estas melloras era imprescindible dispoñer de recursos económicos.
Mirando para atrás, hai máis de cen anos, algúns dos recursos viñeron no peto dalgúns habaneiros que regresaban aos lugares de orixe para dar razón do éxito conseguido... e para seren recoñecidos como triunfadores. Con esta finalidade, nada mellor que unha nova casa en lugar adecuado.
Construción distinta
Debía ser construción distinta, deseñada de acordo cos gustos adquiridos por quen viu mundo e proxectada por técnicos formados academicamente. Por certo, que en terras vilalbesas o arquitecto Leoncio Bescansa Casares foi quen elaborou os planos do hospital asilo, da escola da Liga Santaballesa e se cadra dalgún edifico escolar máis.
A arquitectura veu ser o distintivo do home que prosperara, que regresaba de lonxe con novos coñecementos e que confiaba nos avances da ciencia. E desde a nova vivenda aspiraban a ver os seus convenciños e a que estes o visen e admirasen.
En Vilalba hai exemplos do que manifestamos. As escolas habaneiras construíronse con sólidas cimentacións e rexos muros exteriores que inalterables terman de todo o edificio. As aulas, espazosas e diáfanas, aproveitan a iluminación natural. As vivendas dos mestres moi dignas para daquela.
Funcionalidade
As fachadas coidadas dentro dunha austeridade na que se adiviña un gusto pola funcionalidade dentro do eclecticismo propio da época. E igual sucede en construcións privadas, como se pode apreciar na casa sinalada co número 38 da Rúa da Pravia: vanos importantes iluminan as estancias; alturas dos pisos que permiten a circulación do aire; entrada coidada con xambas e linteis decorados en granito de boa calidade; illantes galerías de ferro traídas de lonxe; madeiras de primeira calidade que perduran no tempo... E tamén un lugar privilexiado onde ver e ser visto. Non debe ser casual que esta casa fose promovida por un dos habaneiros de fortuna que se distinguiu na promoción de edificios destinados á educación e instrución da comarca e que apoiou aos conveciños que, de Santaballa ou Tardade, coincidiron no tempo aló nas terras cubanas.
CRÓNICA HISTÓRICA arquitectura indiana na capital chairega