GlobalGalicia

O centenario da inauguración das escolas doadas por Anselmo Villar Amigo

Carballo

Xurxo Alfeirán Chouciño
O día da inauguración das escolas.

A fotografía, tomada en setembro do 1914, fala da historia de Malpica

25 Sep 2014. Actualizado a las 08:54 h.

Esta é unha foto centenaria chegada a min por herdanza familiar. A toma foi realizada nun día impreciso de setembro de 1914. Ningún veciño dos aquí retratados está vivo hoxe. Só a memoria deles segue presente nos seus familiares ou amigos que recibiron este legado informativo e que, grazas ao gran acerto oportuno do fotógrafo anónimo, certifica coma un fidedigno notario impagable o momento histórico da instantánea: inauguración das escolas de nenos e nenas de Malpica.

O retrato panorámico ten unha composición estética que semella un cadro de calquera dos máis coñecidos pintores renacentistas. En primeiro termo á dereita, unha galiña de costas parece indicar á xente que fique queda porque o fotógrafo quere paralizar un momento histórico. Precedidos dun can, no centro esquerda, un grupo de veciños maiores e nenos, con zocas, zocos ou descalzos e boina ou pañoleta á cabeza están espallados en diferentes niveis, ocupan a rúa de pedra e po e os esqueiros que anteceden á fonte principal, presidida por un monólito granítico con reloxo e dúas farolas laterais, alimentadas con acetileno. Ao fondo dereito, destacan, entre un grupo menos numeroso, tres homes de rexo porte situados mesmo na porta principal do edificio a inaugurar. Á banda esquerda, catro testemuñas desde unha varanda observan a escena. No centro, érguese maxestoso o edificio con grandes ventanais coroados por arcos de medio punto. E á esquerda destinada a escola das nenas e á dereita, a escola dos nenos.

Entre o grupo de veciños, podemos identificar a Pedro Pombo Villar, Pedro de Eulogia (o primeiro neno da esquerda), Dolores Pombo Garrido (a nena con vestido branco e pañoleta á cabeza situada no primeiro esqueiro) e José Villar Verdes, Pepe de Basilisa ou do Cachón (o neno de boina situado á dereita do señor de chaleco).

Os tres homes de rexo porte son Anselmo Villar Amigo, o máis achegado ao edificio, (malpicán emigrante en Bos Aires), Genaro Delgado Ferreiro, no medio, (secretario do Xulgado de Paz de Malpica) e Daniel Novo Garrido (cuñado de Anselmo Villar).

O meirande benefactor

Ese día tiña lugar a inauguración do primeiro edificio realizado co obxectivo único de se converter nas escolas públicas dos nenos e nenas de Malpica. Anteriormente houbo escolas de nenos e nenas, pero eran casas particulares alugadas para ese mester. O edificio foi pagado por Anselmo Villar Amigo, home adiñeirado que creou fortuna na Arxentina. Anteriormente, con motivo das frecuentes viaxes que realizaba por Europa, acudía a Malpica e pagaba do seu peto obras para a mellora da súa vila natal. Converteríase así no seu meirande benefactor.

Outras obras

Entre elas cómpre mencionar a Praza de Abastos, situada no mesmo lugar das escolas, que ese día se inauguraban, e que foi derrubada por falla de uso (daquela, a xente prefería o mercado na propia rúa); a rampla varadoiro de embarcacións sita no solar da actual Casa do Pescador; o Murallón sobre a ribeira do porto para atalaia vixía dos mariñeiros; o empedrado da rúa principal e a fonte de esvelta feitura granítica, que achegou mediante sellas o subministro de auga ás casas.

Nese solar houbo a citada Praza de Abastos desde 1900 ata 1914. A escola funcionou desde 1914 ata 1947, data na que a Corporación Municipal do momento aprobou un cambio substancial de uso: instalar nel a Casa do Concello. Para iso, levantou un andar máis e trasladou as dúas escolas para a casa señorial do Vizconde San Alberto no Rueiro da Cerca.

Durante eses 33 anos, a escola das nenas tivo dúas mestras: Ramona Criado Orellana (1914-1944) e Ana González Rodríguez, Dna. Anita (1944-47); mentres que a dos nenos tivo catro mestres: José Balboa (1914-18), Francisco Quejido Domingo (1918-24), o mestre interino Felipe (1924-25) e Antonio Montero Rodríguez (1925-44).

Alumnado

O número de alumnado podía chegar, segundo os días, a máis de cen. Moitos dos nenos en idade moi noviña lataban á escola pola necesidade de axudaren a seus pais e nais nas actividades mariñeiras e domésticas. Con tanto alumnado, os mestres usaban o método dos pasantes ou monitores: así, os maiores máis capacitados ensinaban o que sabían aos pequenos. Manter a orde e o silencio era cousa case imposible. Cantas anécdotas se poderían contar sobre o tema! Pero iso forma parte doutro capítulo.


Comentar