GlobalGalicia

«A pegada da emigración está moi viva aínda»

Actualidad

josé alonso ribadeo / la voz

Chemi Lombardero presenta o seu último libro en Ribadeo, unha obra sobre os emigrantes retornados

30 Jan 2014. Actualizado a las 11:55 h.

La huella de la emigración a América en el Cantábrico Occidental (Editorial Cigees) é o sexto libro que publica o mestre xubilado ribadense Chemi Lombardero Rico. Unha obra, coma as anteriores, de contido histórico no que aborda cuestións relacionadas coa comarca, neste caso o papel que desenvolveron ao regresar os veciños dos municipios costeiros de Valdés a Foz, e de outros do interior como Mondoñedo, San Tirso, Taramundi, Valadouro ou Alfoz, que emigraron a América a finais do século XIX e principios do XX.

«No libro analizo as consecuencias de todo tipo, sociais, económicas, empresariais... tras regresar os emigrantes. Recollo, por exemplo, a beneficencia que practicaron, que é un fenómeno singular de Galicia e Asturias, que non se da nesa dimensión en ningún país. Tamén de como entraron en política, que é curioso porque en moitos concellos se repiten as mesmas pautas. En 1900 practicamente todos os alcaldes da comarca son americanos, e tamén na ditadura de Primo de Rivera. E os primeiros franquistas, os de Ribadeo, Navia ou Castropol por exemplo, son fillos de americanos. O libro está cheo de documentación, que trato de literaturalizar».

-¿Canto queda desa pegada?

-Moitísimo. Basta con escabar un pouco para ver a cantidade de negocios e obras que xurdiron cos emigrantes de América retornados.

-¿E que conclusión saca da súa investigación?

-Que o fenómeno migratorio foi e é unha traxedia polo desarraigo que significa e porque moitos fracasaron, pero curiosamente a lembranza que ten a xente, os fillos e as familias, é positiva, porque quedámonos co bo, con todo o que trouxeron, a cantidade de xente con iniciativa que triunfou e que co paso do tempo voltou e contribuíu decisivamente ao desenvolvemento económico da comarca, coa construción, impulsando negocios, asociacións, a cultura...

-O libro está dedicado a Pepe Lastra.

-Foi un emigrante en América que morreu en Ribadeo o ano pasado, fillo de outro emigrante en América de Taramundi. Foi un home moi destacado, co que tiven moito trato, culto e cunha vida moi intensa. Por exemplo, foi comisionado persoalmente por Ted Kennedy como representante persoal seu para convencer aos demócratas de Puerto Rico.

O libro presentarase mañá, venres, na biblioteca municipal de Ribadeo, ás oito da tarde. Intervirán Chemi Lombardero e o xornalista Martín Fernández Vizoso.


Comentar