Un aventureiro no paraíso caribeño

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

VENEZUELA

O boirense editou un volume no que narra as súas excursións por Venezuela

23 feb 2017 . Actualizado a las 09:40 h.

Estivo vivindo dous anos e medio en Venezuela, tempo máis que suficiente para quedar namorado dunha fermosa terra repleta de praias virxes, fervenzas de vertixe, augas turquesas, paradisíacos illotes e unha exótica vexetación. Alberto Piñeiro regresou ao seu Boiro coa maleta chea de anécdotas e coa cabeza ateigada de sorprendentes estampas que agora quere compartir cun libro editado por el mesmo. No volume narra boa parte das viaxes que realizou polo país suramericano, deixando sempre claro, mediante comparacións e reminiscencias, a morriña que sentía lonxe da súa terra galega.

Alberto Piñeiro atravesou o Atlántico a finais do 2011 para poñer rumbo cara a terra da súa muller. Alí tivo, a pesares da situación económica e política do país, unha cómoda estancia, ao longo da que exerceu como xerente de proxectos para D&V Equipos y Servicios, unha firma vinculada á empresa estatal de petróleos. O tempo libre que lle deixaba o traballo dedicábao a percorrer, convertido en explorador, tanto turísticas paraxes como lugares inhóspitos. Penetrou, por exemplo, na Gran Sabana, chegando ata a fronteira con Brasil: «A paisaxe é espectacular, co horizonte dos tepui (montañas con paredes verticais e cumios planos). Alí acampabamos en cabanas indíxenas abandonadas». Tamén seguiu a ruta do cacao polas terras do estado Sucre na procura dos mellores chocolates do mundo e mesmo compartiu experiencias cos indios waraos que viven en palafitas (casas construídas enriba de piares).

O boirense atreveuse incluso a emular, en parte, a viaxe que no século XVIII fixera Alexander Von Humboldt que, partindo da Coruña, desembarcara en Cumaná para percorrer, entre outros lugares, Cumanacoa, a cova de Guácharo ou o lago de Guanoco. «Coñecía a historia deste descubridor e quixen realizar algúns dos seus traxectos, mesmo estiven no castelo no que el residiu», lembra. O cuñado, o sogro ou outros nativos acompañárono sempre nestas aventuras: «Penetrar nestes territorios non é sinxelo nin seguro. Un está exposto a moitos perigos».

Regreso obrigado

A longa viaxe de Alberto Piñeiro rematou a mediados do 2014. A situación política do país condicionou o seu regreso a Galicia: «Empezaron as revoltas e os problemas de desabastecemento. A nós non nos afectaban directamente, pero decidimos que aquel non era o lugar axeitado para formar unha familia. Foi pensando máis no futuro que no presente polo que optamos por volver».

Convencido de que non repetirá experiencias semellantes, quixo recollelas nun libro: «O obxectivo é deixar unha pegada da miña estancia en Venezuela para que os meus fillos teñan esas lembranzas escritas». Pero o boirense tamén quere contribuír á promoción turística dun país que considera que non ten a sona que merece: «Venezuela aparece sempre ligada aos conflitos e aos problemas, pero é un país enormemente rico e fermoso. É un dos poucos territorios do Caribe que non sofre o impacto dos furacáns e goza dun clima excepcional, con 30 graos de día e 20 de noite todo o ano».

Alberto Piñeiro non entende como, aínda antes de que empeorara a situación política do país, Venezuela nunca tivo o tirón turístico doutros recunchos caribeños: «É unha terra moi xenerosa e cunha xente acolledora». Quere que o seu libro de viaxes anime aos barbanceses e aos galegos a penetrar sen prexuízos na que el considera que é a natureza con maiúsculas. El non ten previsto, polo menos a curto e medio prazo, regresar, aínda que non dubida en recoñecer que ten unha conta pendente ao outro lado do océano Atlántico: «Como filólogo que son, gustaríame terme mergullado máis nas linguas que aínda falan diferentes etnias e que, pouco a pouco, se van perdendo».