Fóra de cobertura

A Laracha, Rodís e as copas de Europa

15 de junio de 2015. Actualizado a las 09:46 h. 0

0
0
0

José Añón Canedo é un dos persoeiros máis fascinantes que ten dado a bisbarra de Bergantiños ao longo de todo o século XX. Orixinario da parroquia larachesa de Vilaño, en 1911, sendo apenas un adolescente partiu cara ao Uruguai seguindo os pasos de seus irmáns maiores. Pertencían a unha familia labrega acomodada e cóntase que emigraron máis pola ansia de coñecer outras terras que por unha estrita necesidade económica. Sexa como for, trinta anos despois de cruzar o océano, Añón Canedo era un dos maiores empresarios do Uruguai. Vinculado ao sector de transporte de viaxeiros, presidiu ata a súa morte (en 1975) unha cooperativa formada por preto de 5.000 traballadores.

Aquel rapazote, a pesar de prosperar e facer a práctica totalidade da súa vida en Montevideo, non esqueceu nunca as súas raíces. Defensor dos valores democráticos e galeguistas, apoiou múltiples iniciativas de tipo cultural e social relacionadas coa diáspora. Foi directivo da Casa de Galicia e dende alí tamén mantivo un contacto fluído coa numerosa colonia de exiliados en Sudamérica, entre eles co propio Castelao. Mais quizais a súa maior paixón foi o fútbol e, en especial, o Nacional de Montevideo. O empresario larachés estivo sempre moi ligado a un club que chegaría a presidir entre 1955 e 1961.

Souben por vez primeira de Añón Canedo, vai para dez anos, lendo un texto do escritor vimiancés Manuel Suárez neste mesmo xornal. Para a miña sorpresa, no artigo relataba como a fichaxe do mítico José Santamaría polo Real Madrid se acordara en terras cercedenses. Segundo a crónica, Santiago Bernabeu enviou un directivo a Uruguai a negociar o traspaso do daquela xogador do Nacional de Montevideo. Alí infórmanlle que o presidente do club está de viaxe na súa Galicia natal. O emisario regresa a Barajas en avión e dende Madrid viaxa nun automóbil ata a parroquia de Rodís. Añón Canedo está pasando uns días na casa dun seu tío que é párroco do lugar. Alí mesmo, na casa reitoral, asinan o traspaso; na pequena aldea de Vilaméan, sen pisar as oficinas brancas. Santamaría, considerado un dos mellores defensas centrais de todos os tempos, gañaría nada menos que cinco ligas e catro copas de Europa.

Recoñezo que o episodio que lles relatei me fixo reflexionar sobre o feble que é a memoria, tanto a persoal como a colectiva. A chamada «casa do cura», un dos edificios máis senlleiros e fermosos do municipio de Cerceda, está deshabitada e pechada dende hai máis dun cuarto de século. Propiedade da Igrexa, camiña cara a ruína despois de tres séculos de esplendor. Nunha das súas esquinas está un modesto reloxo solar que ademais da fichaxe de Santamaría ten contemplado mil e un capítulos do noso decorrer colectivo: a chegada da desamortización, as guerras carlistas, os enfrontamentos entre liberais e conservadores... incluso como nos anos 20 as loitas agraristas fixeron chegar ata alí un cartucho de dinamita acendido. A historia viva e cambiante... ata que este tempo de abandono do rural inzou de silvas e saramagos a eira de pedra e comezou a derrubar as construcións anexas.

Sería desexable que a Igrexa e as diferentes administracións buscasen xeitos de chegar a acordos en aras do interese común. É prioritario pór en valor edificacións históricas como esta que, ademais, poden ter usos sociais diversos no presente. Antes de lanzarnos a construír, pensemos o que podemos recuperar. Sen dúbida, este tamén é un xeito de dinamizar os núcleos pequenos. Reconstruíndo a memoria do noso pasado, camiñaremos máis seguros e menos cegos en busca do futuro.

Temas relacionados

Este proyecto ha sido cofinanciado por