«Son 15 horas para ir tocar a Suíza, pero fanse amenas»

La Voz

SUIZA

Alma Latina, de Viveiro, amenizará este sábado unha festa do Centro Galego de Basilea

02 nov 2016 . Actualizado a las 13:50 h.

Alma Latina volta a Suíza como xa fixera o año pasado, sendo daquela a súa segunda saída internacional, para amenizar unha festa do Centro Galego de Basilea. Os seus compoñentes Alberto Viamonte, Sandra García, Suso Barral, Javi Sanjurjo, Aaron Cazás e Jacobo Salgado fan con gusto a viaxe de ida e volta en furgoneta.

-Como fora o ano pasado?

-A experiencia moi boa. Nun dos momentos tocamos co grupo de gaitas do Centro Galego de Basilea unha peza xuntos. Daquela fora Foxtrot de Susana Seivane e este ano vai ser o Pasodobre romántico dos Cempés.

-Levan repertorio especial?

-Non. É unha festa máis coma as de aquí. Chámanlle a Festa da Queimada, con comida, danza, sorteos...

-Preparados para a viaxe?

-Xa estamos acostumados. Son 15 horas para ir tocar a Suíza pero fanse amenas. En canto colles a autovía en Barreiros xa é todo autovía ata aló. Ademais, coa furgoneta podes ir a 140 dende que entras en Francia.

-O GPS levouvos ben?

-Si, levounos ben.

-Coa de orquestras que hai en Galicia, contactaron coa vosa...

-Bueno, aló teñen ido máis orquestras. No caso noso viron que tiñamos certo repertorio en galego e con gaita. Imaxino que dixeron ‘¡mira saíron en Luar!’ e, xa sabes, se saes en Luar... (ri). A verdade é que a experiencia foi moi grata, portáronse moi ben con nós e sentímonos coma na casa. Foi unha sensación agradable. Xa son netos e fillos dos emigrantes os que a organizan.

-Por curiosidade, o ano pasado atopáronse con mariñáns que están aló emigrados?

-Se cho digo non o vas crer. Precisamente o que ensaia o grupo de gaitas díxome ‘¡ah eres de Cervo! Eu teño un piso en Cervo’.

-Quen conduce, por certo?

-Turnámonos... O ano pasado a ruta foi boa. Tamén nos coincidira o ‘veroño’ este e chegáramos a Suíza e facía tempo de primavera.

-Realmente compensa facer unha viaxe así de longo por só unha actuación?

-Este xoves saímos de madrugada, sobre as dúas ou as tres, para chegar o venres pola tarde. Imos actuar sábado á tarde-noite e o domingo a mediodía viremos xa de volta. O ano pasado non tivemos cansazo. Tamén é verdade que nas orquestras en xeral estamos acostumados a andar en coche. Pois si que compensa. O ano pasado compensounos porque queriamos vivir esta experiencia.