Restauran a primeira escola de indianos da comarca da Barcala

emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

RETORNADOS

FORXAN

A finais de 2019 cumprirase un século da súa fundación na parroquia de Liñaio, promovida por emigrantes en Cuba

14 ene 2017 . Actualizado a las 12:46 h.

A edificación que albergou a primeira escola de indianos construída na comarca de Barcala, a da parroquia de Liñaio, promovida polos emigrantes en Cuba, a través da Sociedad de Instrucción La Moderna de Barcala, vén de ser sometida a un profundo lavado da súa faciana coas obras de restauración da súa fachada e mailo cambio de ventás, executadas con cargo a unha subvención da Vicepresidencia da Xunta, cun orzamento final de 15.000 euros.

Detrás desta actuación atópase o traballo incansable da asociación de veciños de Liñaio, a cal non cesa na súa ardua labor de recuperación do patrimonio socio-cultural da parroquia. De feito, esta é a cuarta actuación importante que realizan, logo de ter reformado o seu teleclub ou local social, de instalarlle unha nova cuberta hai seis anos á capela de Pontevedra, e tamén, o pasado ano, acometer a restauración da ponte da Pedra.

A escola foi inaugurada o 30 de novembro de 1919 polo que dentro de tres anos cumprirá un século de existencia. Desde facía tempo, un dos proxectos máis ambiciosos da asociación de veciños era acondicionar as súas paredes exteriores debido ó deterioro ao que están expostas. Manuel Ángel Leis Míguez, presidente da asociación de veciños relata que tiñan en mente acometéla mellora «pensando no centenario da súa fundación, para o cal temos previsto facer un acto conmemorativo e estamos recopilando documentación para que tódolos veciños coñezan mellor a súa historia».

Manuel Leis Míguez di que a idea inicial era a de encintalas paredes «pero fixéronse unhas catas e vimos que a pedra non era a idónea, aínda que si encitamos os sillares de canteiría da parte baixa», aparte da recollida de pluviais dun tellado que non hai tanto foi renovado. Nestes últimos días, tamén procedeuse ao pintado das paredes interiores e agora agardan construir unha pequena beirarrúa arredor do edificio, logo de que hai un ano se construisen dous aseos na parte traseira e, se ben o edificio non ten un uso social na actualidade, non descartan darllo co paso do tempo dado o esforzo realizado na súa conservación, achándose a carón do campo da festa.

La Moderna de Barcala fundouse no ano 1909 e foi disolta no 1933 na Habana, sendo o seu presidente Juan Iglesias. Nunha copia do cónsul da Habana, dálle os poderes o 31 de maio a Landino Hombre, pertencente ao Sindicato Agrícola de Liñaio, creado no ano 1908 e cuxa actividade cesou en 1950 por desánimo da xente. Os emigrantes que fundaron La Moderna de Barcala en Cuba querían que os máis novos «non tivesen a desgraza deles de ter que emigrar», segundo relata José Antonio Romarís, un ex dirixente veciñal que foi recopilando datos sobre a escola, apuntando a que os emigrantes de Liñaio «foron enviando os fondos para construír o edificio da escola moi preto da igrexa», así coma planos e dez anos despois da fundación fíxose realidade o proxecto da escola. Anos máis tarde remataríase a vivenda do mestre, a cal non estaba na mesma edificación, senón nun lugar distinto.

Os fundadores querían que os máis novos non tivesen a desgraza deles de ter que emigrar