Un septuaxenario en pé de guerra

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RETORNADOS

MARCOS CREO

A loita na rúa serviulle para que a Axencia Tributaria lle devolva parte do que pagou

09 nov 2016 . Actualizado a las 10:17 h.

Cando a Ramón Dieste, ou Moncho, como o coñecen todos os que comparten con el a loita nas rúas, se lle pregunta pola súa historia, fai un resumo tan conciso como clarificador: «Fun emigrante, xa sabes o que levamos loitado». Efectivamente, Moncho, veciño de Boiro, é un dos milleiros de retornados galegos que, coa xubilación debaixo do brazo e despois de deixar atrás moitos anos de traballo que o levaron a percorrer distintos países para poder gañar o pan, tivo que poñerse detrás dunha pancarta para esixir na rúa o que lle negaban nos despachos. É un deses septuaxenarios que levan xa varios anos en pé de guerra contra a Axencia Tributaria, e pensa seguir «ata o final, ata que digan que xa non imos máis. Temos que seguir conseguindo cousas».

A nivel particular el vén de gañar a súa propia batalla porque a Xustiza deulle a razón e o Estado vai ter que devolverlle parte do que no seu día lle cobrou de forma inxusta. Afeito como está a levar sorpresas desagradables cando se trata de facenda e da súa pensión, non acaba de fiarse: «Se temos a sorte de que nos devolvan algo xa é unha axuda. Dixéronme que gañáramos, pero eu aínda non recibín nada... Temos que pagarlle aos avogados, que non son gratis, pero prefiro darlle os cartos ao letrado a que os coman eles».

Non é de estrañar que non acabe de confiar na Administración porque no seu momento tipo que desembolsar nada menos que 23.000 euros. Despois de 40 anos traballando, máis da metade deles en países coma Alemaña, Italia ou Bélxica, ese era o premio que lle tiñan reservado. E afrontar a débeda reclamada non foi sinxelo: «A min deixoume meu pai unha finca e tívena que vender para poder pagar. Aínda tiven sorte de atopar quen quixera mercarma».

Dende o principio

Moncho Dieste é un dos que está na plataforma creada en Arousa norte desde o principio e contribuíu á súa creación. Está orgulloso diso e recoñece que ao principio foi difícil, pero a avalancha de reclamacións que comezaron a chegar da Axencia Tributaria para o pago de atrasos, intereses e multas por pensións que cobran do estranxeiro polas que non cotizaran -porque en moitos casos lles dixeran que non tiñan que facelo- acabou por unilos: «Empezaron a mandar cartas a todo o mundo e xa non pararon. Pouco a pouco fómonos xuntando e levamos desde o 2012 na rúa, que se di rápido».

Neste punto, subliña a axuda do exalcalde boirense Xosé Deira para poñer en marcha a plataforma de afectados, e constata que a golpe de manifestacións e de facer ruído «algo fomos conseguindo. Mira como son que aos emigrantes que viñan de volta por accidente de Suíza ou de por aí non lles daban a discapacidade, alá tiñan o 100% e aquí ao mellor dábanlles o 30%. E tamén saíron á rúa para protestar, non pedían cartos nin que lles deran nada, só que lles recoñeceran a discapacidade para non ter que declarar».

Asegura que, mentres poida, seguirá colocándose detrás da pancarta para defender o seu xunto aos seus compañeiros no particular exército que forman os emigrantes retornados, porque cre que é a maneira de conseguir cousas: «Cando imos á oficina da Axencia Tributaria eles mesmos nos din que temos que saír á rúa ou quedaremos sen nada...».

O que é seu

Un dos gritos de guerra dos pensionistas en cada unha das súas manifestacións é que só son aforradores, non uns estafadores, aínda que se senten tratados coma uns delincuentes por parte da Administración: «O que nos levan feito é mellor non o pensar... O que reclamo é meu, non estou pedindo nada que non sexa meu». E remata: «Dentro de pouco tocará manifestación en Ribeira. Alí estaremos».