A pandeireta revolucionaria de Aguiño

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

REINO UNIDO

O grupo actuou no Festival da Luz e en Glasgow, onde lanzou un vídeo viral

13 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non ten dous anos de vida, pero Tanxugueiras xa está considerado o grupo revelación da música tradicional galega. Vén de rematar unha xira estival de vertixe e xa está en plena fase de preparación do que será o seu primeiro traballo discográfico. Detrás dese nome tan sonoro como orixinal hai tres mozas ás que lles sobran a ilusión e as gañas de revolucionar o folk partindo da esencia, dos sons recollidos e transmitidos de xeración en xeración. Trátase de dúas veciñas de Teo, Olaia e Sabela Maneiro, e dunha barbancesa, a aguiñense Aida Tarrío.

Esta ribeirense forxouse como pandereteira e cantareira nunha das agrupacións históricas do municipio, Tahúme. Cando marchou a Santiago para estudar, non quixo renunciar a esa afección pola música tradicional e ingresou nunha asociación na que coñeceu ás súas compañeiras de aventura: «Fixémonos amigas e iamos de festa as tres, e decidimos montar o grupo para tocar nos seráns. Non aspirábamos a nada máis, pero a cousa foi medrando».

Cando se deron conta estaban debatendo o nome do grupo. «Foi un proceso complicado porque ningún nos convencía. Pedímoslle axuda a un amigo en común de Fumaces, no concello de Riós, onde hai unhas fincas que se chaman Tanxugueiras. Propúxonos ese nome para o grupo e encantounos», explica Aida Tarrío. Superado este primeiro paso, empezaron con outro igual de complicado, a procura dun repertorio: «Cando empezamos tiñamos unha canción, O paseo, e dixemos: ‘Así non podemos saír a ningún lado’». Resolveron a carencia seleccionando cancións dos anteriores grupos aos que pertenceran, pero logo se decataron de que tamén era inviable: «Non podiamos seguir roubando temas, así que decidimos crear algo propio». Contaron coa axuda de Xermán Muíños, que lles facilitou algunhas pezas que recollera por Galicia. «De momento non temos música de creación propia, pero temos previsto facer algo para o disco», anuncia convencida Aida Tarrío xusto antes de poñerlle data a ese traballo: entre marzo e abril do vindeiro ano.

Máis de 200.000 visitas

Con ese repertorio, Tanxugueiras non só percorreu boa parte do territorio galego, chegando incluso a preceder a Xabier Díaz nun concerto que ofreceu na sala Capitol compostelá e figurando no cartel do Festival da Luz, senón que logrou traspasar fronteiras. O grupo participou no famoso festival Celtic Connections, en Glasgow, de onde regresou con anécdota incluída: «Estabamos no backstage esperando para tocar e, coma sempre, puxémonos a cantar e gravamos un vídeo que colgamos no Facebook. Vese que aos escoceses lles chamou a atención, xa que empezaron a compartilo». Tanto foi así que superou as 200.000 visualizacións.

Nesta curta pero moi intensa traxectoria, o trío de cantareiras foi bebendo de grupos e artistas que deixaron pegada no mundo do folk ou seguen pisado forte: «Leilía é un gran referente para nós, porque elas foron pioneiras á hora de musicar as cancións tradicionais. Tamén Guadi Galego nos deixou un camiño a seguir, sobre todo na etapa na que estaba con Berrogüeto; ao igual que Radio Cos, Davide Salgado ou Xabier Díaz, que ademais nos está a axudar moito», comenta Aida Tarrío. Coma todos eles, Tanxugueiras busca revolucionar o folk, partindo dunha base tradicional, pero tratando de abrir novas portas.

Despois dun verán tremendamente movido, a ribeirense explica que o grupo afronta un inverno relativamente tranquilo, tendo en conta que aspira a gravar un disco. Recoñece que non lle importaría incluír un concerto en Barbanza na súa axenda: «Estaríamos dispostísimas a actuar por aquí».