Cervense que está a dar clases en Auckland (Nueva Zelanda): «Á volta de Nueva Zelanda, ao Galipizza»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía SAN CIBRAO / LA VOZ

OCEANÍA

Beatriz Pérez Outeiral

El e a outra galega fixeron un vídeo das Letras Galegas con alumnos neocelandeses

23 may 2016 . Actualizado a las 11:04 h.

Son 38 as páxinas que dedica Wikipedia a Nueva Zelanda. Pero mellor que conte como é a «terra da gran nube branca» (o significado do seu nome, en maorí) o cervense David Villares (San Cibrao, 1990), que anda tan lonxe, polas antípodas, dando clase.

-Vostede e outra galega, Beatriz Pérez Outeiral, involucraron ao alumnado neocelandés nun vídeo especial polas Letras Galegas.

-Quixemos homenaxear a Manuel María lendo un dos seus poemas máis significativos dende o punto máis lonxe posíbel da terra e que mellor oportunidade que esta, grazas á colaboración das mestras, alumnas e alumnos dos institutos Rangitoto College e Botany Downs Secondary College, de Auckland.

-¿Como está a ser a súa estadía e que é o que máis lle sorprende?

-Neste país todo é diversidade. Conviven moitas culturas do Pacífico, Asia e Europa. As linguas oficiais son o inglés e o maorí. Cada fin de semana temos ofertas culturais moi diversas como a celebración do aninovo chino, o festival das polinesias, o día do Xapón, etc. As paisaxes son moi diversas tamén e podes atopar fiordos, glaciares, montañas, illas, praias, ríos... Moitas das veces semella que me atopo nunha praia ou nun río de Galiza.

-¿Viviría aí para sempre?

-A pesar de que a natureza é unha necesidade para min, Galiza segue a terme namorado e é alí onde me sinto máis encaixado, ademais de que non temos tantas diferenzas naturais aínda que si culturais.

-¿Que recordos levou para aló?

-Os momentos que vivín coa familia e cos amigos, nas festas, romarías e sobre todo nas viaxes, unha das miñas paixóns.

-¿Como é ese sistema educativo?

-A división entre Educación Primaria e Educación Secundaria é semellante á de Galiza. Os alumnos divídense por anos de curso escolar. Está moi aceptado o uso das novas tecnoloxías e cada alumno emprega o seu móbil/tablet/ordenador portátil para facer redaccións, actividades, proxectos, xogos, etc. O español é unha asignatura optativa máis e ano tras ano os alumnos escollen o bloque de asignaturas que queren estudar e que lles encamiñará para a especialización futura. Este sistema educativo é certamente máis flexible que o que temos en Galiza. Por desgraza, perden o interese polas linguas estranxeiras a medida que avanzan nos estudos secundarios xa que estas non teñen o mesmo recoñecemento que outras asignaturas. Unhas das nosas labores é manter ese interese.

-¿Que lles conta de Galicia?

-Na miña presentación ao comezo do curso falei da miña vila, por suposto, localiceina no mapa e ensineilles con ledicia as nosas paisaxes, festas, expliqueilles que falabamos outra lingua diferente, que comíamos polbo, cachola, orella, caldo, percebes?. Tamén aprenderon que os nosos antepasados son celtas e romanos, que nos deixaron grandes obras arquitectónicas como a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules, que a nosa Praia das Catedrais é mellor que a súa Cathedral Cove (Illa Norte) e Cathedral Caves (Illa Sur). Falleilles tamén da miña familia, dos meus amigos, dos traballos, a miña música e viaxes.

-Cando volva á casa, ¿que será o primeiro que pensa facer?

-O primeiro de todo será darlle unha aperta enorme ao meu avó e a toda a familia. Despois xuntarei aos amigos e iremos ao Galipizza e por suposto saír de troula. Non podo quedar sen ir a Riazor ao primeiro partido que me coincida e tampouco sen ir de pesca.

-A súa morriña, do 1 ao 10.

-¡10 porque non hai máis! Consigo sobrevivir como tamén o fixen 5 meses en Holanda, porque me gusta enchouparme con outras culturas... pero a terra é a terra.

-Ese país, en natureza, debe ser espectacular, como xa temos visto en El señor de los anillos.

-Recentemente fun de viaxe cos meus compañeiros nunha furgoneta 16 días pola Illa Sur. Foi unha aventura sen dúbida. Dentro dos 4.000 quilómetros que fixemos, sen dúbida quédome coa ruta de escalada ao Muellers Hut, un refuxio de alta montaña construído a 1.800 metros e cunhas vistas espectaculares ao Mount Cook, onde Edmund Hillary entrenou para conquistar o Everest. Atravesamos paisaxes incribles, entre elas algunhas das localizacións e El Señor de los Anillos: Isengard, Andurin e Edoras.

«Dixenlle aos meus alumnos que a nosa Praia das Catedrais é mellor que as súas Cathedral Cove e Cathedral Caves»