«Eu tiven sempre morriña de Galicia»

Elixio Villaverde García

MEXICO

As cinzas da exiliada política e destacada galeguista luísa viqueira, filla do filósofo joan vicente viqueira , retornaron desde méxico para ser soterradas xunto as do seu pai na parroquia de ouces, en bergondo

20 abr 2015 . Actualizado a las 08:24 h.

Luísa era filla de Joán Vicente Viqueira López-Cortón e de Jacinta Landa Vaz, formados na Institución Libre de Ensinanza. Contábame en 1991 no D.F. que pasaban fins de semana en Bergondo pero vivían acotío na coruñesa casa natal, fronte ao Instituto, porque Viqueira, profesor de filosofía «tiña dificultade para camiñar». Orfa con seis anos, gardaba na memoria con dozura «a visión de pasear collida da man do meu pai» así como a libreta na que este lle ensinara as primeiras palabras en galego. Universitaria en Madrid afíliase as Xuventudes Socialistas Unificadas (XSU) en 1936.

Alugaran casa en Gandarío e pasaban horas de lecer na praia da Lagoa, que Luísa lembraba como edén perdido. Tras a sublevación, permaneceron meses na Quinta de San Vitorio. «Saímos por medio da Cruz Roja Internacional nun destroyer inglés que veu buscarnos á Cruña [?] En Barcelona empecei a traballar no Consello da Infancia Evacuada».

Desde outubro de 1937 faise cargo nunha casa-escola, en Villalgordo del Júcar, de nenas e nenos de tres a seis anos, procedentes das frontes. En abril foi evacuada polo mítico Comandante Carlos «dúas horas antes de que cortaran a carretera». En Barcelona segue cos nenos que ían saíndo en diferentes expedicións. «Preguntáballe aos pais:... ¿a que país queren ir?... dicían: a Unión Soviética ou a México. A México quixeron vir moitos. Na URSS pediron mestres [?] e entre eles fun eu». Luísa vive en Moscova e o curso 1938-1939 nas aforas de Kaluga, con nenos evacuados. Mentres, Jacinta levaba pan, roupa e medicinas ás praias aramadas do sur de Francia, ateigadas de refuxiados. Alí atopou ao seu fillo Jacinto, de 17 anos, entre os superviventes do 57 Batallón de Carabineiros. Luísa sae no verán, vía Helsinki, para enlazar co barco no que viaxaba súa nai: «Meus irmáns ían subir alí. En Londres non me deixaban entrar porque tiña pasaporte da República [?]. En New York non poden pernoctar porque ?eramos roxos? e metéronnos nun autobús». E «en San Luís Misuri que hai moita poboación negra, xa non eramos tan discriminados» comentaba entre risas. Cando atravesan o Bravo, ve Nuevo Laredo como «un pedegral nada máis, cun calor espantoso». Porén, na luz de agosto, «a xente recibiunos moi ben, déronos facilidades e deseguida nos fixeron os documentos, todo». Xa no D.F. en 1942, e a única galega entre os dirixentes das XSU que se reúnen con Carrillo, chegado por Vladivostok e Nova York, «para organizar e controlar».

Nacen Rafael, Luís e Manuel e en 1949 morre traxicamente a súa parella. Luísa saca adiante aos fillos traballando de mestra e como analista de laboratorio. Nos cincuenta promove actividades no Centro Republicano: historia e língua galega, gaita, muiñeira, recitáis de Rosalía. Asiste a unha xuntanza internacional de Nais pola Paz en Viena. Involúcrase no Padroado da Cultura Galega, no programa radiofónico Hora de Galicia e na revista Vieiros. Propón para o número inaugural, de 1959 o texto do seu pai: «Queremos convertir Galicia dun arrabal nun centro; facer que teña vida propia, grande, inmensa [?]». Nos tres números seguintes asome a «segredaría de redaición». Simpatiza co «partido de Soto» que imprimiu o primeiro Terra e Tempo no D.F. En 1965 é unha das responsables do Consello de Galiza que lle entrega a Jiménez de Asúa, presidente da República no exilio o Sempre en Galiza de Castelao, «xunto cos exemprares publicados da revista Vieiros».

Luísa recoñecía, nun intre daquela entrevista na súa casa do Parque México: «Eu tiven sempre morriña de Galicia». E o egrexio profesor Manuel R. Viqueira, fiel ao sentir materno, relata as motivacións para retransterrar as súas cinzas: «Cando o Golpe de Estado franquista, miña nai atopábase coa súa nai, irmáns e primos en Gandarío, polo que me gustaría pechar o ciclo. Que poida retornar ao lugar onde sempre lle gustara estar e que o fascismo saiba que sempre voltaremos, aínda que sexa despois de mortos».

Viqueira, de fonda espiritualidade panteísta, foi enmurado por un crego integrista para impedir o acceso a súa campa, para re-matalo con difamacións e ninguneo. Desde esa tumba civil mariñá, pai e filla, Joan Vicente e Luísa Viqueira, células de universalidade, educadores sen muros de exclusión e ignominia, seducirán ás novas xeracións con pulo anovados. Xuntos son moito máis que dous e, como no poema de Paul Celan, alumearán detrás de si mesmos, cun resplandor que non se apagará.