«O único negativo que podo dicir de Dublín é o prezo das vivendas»

Mar Gil DATA / AGENCIA

EUROPA

Eva Gil, graduada en Educación Primaria asumiu en Irlanda o primeiro reto profesional

12 feb 2018 . Actualizado a las 13:30 h.

A experiencia en Dublín de Eva Gil Casasnovas (Ourense, 1994) comezou cunha pregunta: E agora que? Formulouna en 2016, ao rematar os estudos do grao de Educación Primaria, e foi o primeiro paso para a súa vida actual. «Nese momento -conta- tiven que cuestionarme as mesmas preguntas que todos: E agora? Posgrao? Oposicións? Finalmente, considerei que un dos requisitos máis importantes na actualidade para calquera profesión son os idiomas, por iso decidín aventurarme a pasar un ano escolar en Dublín como au pair, para mellorar o meu inglés». O segundo paso non foi unha pregunta, foi unha sensación: «Cando ese ano rematou e xa me tocaba volver á casa, sentín que aínda me quedaban moitas cousas por facer en Irlanda, quería ter a experiencia de traballar alí como mestra, polo que en setembro volvín de novo a Dublín». Ese mes delimitou dúas etapas moi diferentes na experiencia exterior de Eva: «Os primeiros meses foron un pouco de adaptación, de coñecer xente, lugares... Era a primeira vez que saía de casa durante tanto tempo, pero fun moi afortunada coa familia de acollida que me tocou, e sempre me fixeron sentir como unha máis da familia; a eles débolles unha parte de decidir volver a Irlanda. A segunda fase comezou cando decidín buscar traballo. Sabía que, aínda que tiña o apoio da miña familia e, á vez, contaba co escudo da miña hostfamily se me pasaba algo, tiña que buscarme a vida por min mesma».

Facer entrevistas de traballo e buscar piso foron as grandes tarefas: «O tema da vivenda en Irlanda é moi complicado xa que os prezos son moi altos e, tanto os apartamentos como as habitacións, están moi solicitados. Cando chegas a ver un apartamento, podes atoparte con quince persoas máis dentro del dispostas a darlle ao propietario a fianza e un mes por adiantado en man. Realmente, o único negativo que podo dicir de Dublín é o prezo das vivendas».

«Teño amigos aquí que realmente se viron moi sufocados á hora de encontrar piso, porque, se non tes un contrato de traballo, PPS number -un código imprescindible para calquera operación administrativa- conta no banco... é moi complicado atopar piso. Moita xente vive en habitacións compartidas entre tres persoas e, aínda así, pagan uns 300 ou 400 euros ao mes».

O traballo copa a meirande parte do día de Eva: «Durante a semana non teño demasiada vida social; cando chego á casa despois da gardería tendo a estar coas miñas compañeiras de piso falando, vendo algunha película ou algo similar. Algunhas veces, se non estamos demasiado cansos, algúns compañeiros do traballo imos xuntos a tomar unhas cañas, pero isto tende a ser os venres».

«Cando chega a fin de semana ?detalla-, sempre intento facer algún plan cos meus amigos para desconectar e despexarme un pouco. Moitas veces imos a unha vila que está a 20 minutos en tren de Dublín centro, que é costeira e ten un dos nosos restaurantes favoritos. Outras veces, simplemente paseamos polas rúas de Dublín xa que a mellor maneira de coñecelo é perdéndose polas súas beirarrúas».

Nese día a día, liquidadas as preocupacións do traballo e a vivenda, Eva Casasnovas ten claro o peor da súa experiencia na diáspora: «O que máis estraño de Ourense son as persoas: a miña familia, os meus amigos... Viñeron de visita e estou segura de que volverán pero, ás veces, faise duro atoparse a tantos quilómetros de distancia das persoas que sempre tiveches ao teu carón». Malia iso, teno claro: «De momento non teño data prevista de volta; non podería dicir onde estarei o curso que vén pero, de momento, o meu billete só ten ida!»

«Os irlandeses sempre teñen un sorriso para todo o mundo»

«Se vivise en calquera outra parte de España, diría que o peor de Dublín é o clima pero, sendo galega, a verdade é que non noto demasiada diferenza», lanza Eva Casasnovas mentres lembra a frase que lle espeta con frecuencia aos seus novos veciños irlandeses: «Se chove, que chova».

«Irlanda é un país que sempre recomendarei visitar, sobre todo aos galegos, porque temos moitas máis cousas en común das que pensamos. É un lugar cheo de verde, de montañas e de lugares máxicos. Os irlandeses sempre teñen un sorriso para todo o mundo e con eles podes pasar unha tarde enteira sen parar de rir». Postos a viaxar, Eva recomenda «os Cliffs of Moher dos cales non teño palabras para poder dicir o marabillosos que son. Galway e Cork son dúas cidades pequenas, pero das máis importantes despois de Dublín». A capital é unha cidade multicultural: «Non é racista ou homófoba e, por norma xeral, podes camiñar tranquila pola rúa sen esperar que che fagan comentarios de ningún tipo; a xente en Dublín é bastante respectuosa. A verdade é que me sinto moi a gusto nesta cidade». Para descubrir Dublín, non ten dúbidas: «A mellor maneira de coñecela é adentrándose polas súas rúas cheas de música, persoas, decoración e totalmente vivas».

 

trayectoria vital

Eva Gil Casasnovas cumprirá en xuño 24 anos. Estudou o grao de Educación Primaria no campus de Ourense e actualmente reside en Dublín, onde traballa nunha escola infantil con nenos de 1 e 2 anos. Gustaríalle exercer en Dublín a modalidade de Educación Especial, na que se formou, pero, de momento, aínda lle falta aprender irlandés.