Unha vida en seis meses

sara gil ATENAS / LA VOZ

EUROPA

Sara Gil, estudante de último ano de xornalismo, di que «O Erasmus non é un ano de vida senón unha vida nun ano»

13 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Setembro foi o mes no que pisei por primeira vez Atenas, cunha maleta chea de ganas, ilusión e moitas ganas de aprender. Seis meses atrás coñecera o destino para o meu Erasmus e decidira facer as mínimas suposicións para que todo, cando chegara, fora novo e descoñecido para min. E así foi.

Atenas é unha cidade caótica e desorganizada pero que funciona á perfección no seu propio compás. Todo vai tarde e lento e só apresura o paso nos semáforos, porque aínda que se poñan en vermello, a quen lle importa? Como dirían aquí, “cando o Estado implanta unha lei, a nós gústanos saltala”. Mais iso pouco nos afecta a nós, a panda de milleiros de estudantes que vimos a esta cidade para vivir a aventura da nosa vida, falando todas as linguas que sabemos e as que non. Nós temos a nosa propia lei, a #ErasmusLife, baseada na multiculturalidade, en comezar a mañá con “zume quente” alemán, indo a clase para escoitar a un profesor grego que fala un inglés cun especial acento, comendo ao mediodía cun “bon appétit” de fondo e continuando a tarde nun café con xente do outro lado do océano.

Escoitei ao pouco de chegar aquí que “o Erasmus non é un ano da túa vida senón unha vida nun ano”. No meu caso describe non doce, senón seis meses, e indo xa pola metade, podo dicir que se vive con intensidade, expectación, felicidade e asombro. Cada día é un capítulo novo, que nunca se escribe previamente, e que sempre sorprende. Tiven a sorte de dar cunhas persoas que non fixeron senón sumar vivencias inesquecibles comigo. Percorremos a cidade, visitamos outros lugares e temos aínda moitos plans por cumprir. Abrazaremos a familia en Nadal contándolles as nosas aventuras por máis de catro países diferentes, por varias illas e por diversas cidades de Grecia. Iremos cargados de fotografías na Acrópolis, no templo de Poseidón, no Estadio Panatenaico, nas praias de Aegina, en Oía, nos monasterios de Meteora e nos monumentos máis emblemáticos de Sofía, Bucharest e Berlín.

Intentaremos explicar o que é levantarse cada mañá sen saber cantos idiomas tentarás comprender e chapurrear ese día. Intentaremos explicar todo o que aprendemos sobre decenas de países. Intentaremos transmitir coas palabras as emocións que se viven ao outro lado de Europa... Pero creo que nada ha ser suficiente. Creo que só se entende se vives en primeira persoa a #ErasmusLife, sendo consciente de que unha vez entras neste grupo de estudantes aventureiros, non deixas de selo nunca, ou como diríamos aquí “once Erasmus, always Erasmus”.