A «dotta» e a «rossa» de Allariz

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

EUROPA

Aos 16 anos recibiu unha bolsa da Barrié para estudar en Italia e alí segue

09 ene 2017 . Actualizado a las 09:30 h.

Arnoia Bouzas Pérez (Allariz, 1992) é unha moza precoz no que se refire a coller o mundo por monteira. Cando deixou a vila alaricana tiña 16 anos e acababa de obter unha bolsa da Fundación Barrié para cursar o Bacharelato Internacional, no Colexio do Mundo Unido do Adriático, nunha escola preto de Trieste, na que estudan rapaces e rapazas de todo o mundo. «Alí tiven a oportunidade de estudar nun sistema educativo moito máis estimulante do que estaba afeita: o pensamento crítico do alumno era premiado e non inhibido e as actividades extraescolares, por exemplo unha actividade artística ou un servizo social, eran partes integrantes do currículo», afirma. Trátase, explica, dun Bacharelato enfocado ás universidades anglosaxonas. E, ao rematar, trasladouse a estudar Antropoloxía Social á Escola de Estudos Orientais e Africanos (SOAS), en Londres. Un gran cambio para Arnoia: «Londres é unha cidade moi dura, pero nos tres anos que estiven alí foi bastante benevolente comigo. Tiña de bo o que teñen case tódalas cidades grandes: variedade de xente, variedade de oferta cultural e toda unha escena alternativa e ate case familiar na que se insería, por exemplo, a miña universidade». O lado negativo é, afirma, que a cidade non está pensada para as persoas. Por iso, en canto puido, viaxou de novo a Italia. En concreto, a Turín. Alí enfocou o seu futuro cara á educación, que sempre foi a súa vocación. E iniciou un curso de formación en pedagoxía Waldorf, ademais de dar clases de idiomas. O cambio foi inmenso. «Turín era o paraíso: rodeada polos Alpes, con tres ríos, moito máis accesible humana e economicamente, cunha escena cultural en ascenso e con ese aquel especial que teñen todas as rexións periféricas, como Galicia e a rexión de Trieste», di. O seu último, pero non derradeiro destino con toda seguridade, levouna ata Boloña, onde vive na actualidade rematando un máster en Antropoloxía Cultural na Universidade da cidade. E tamén finalizando un curso de formación de mestres Waldorf, preto de Venecia.

«Boloña é coñecida en Italia como la dotta, pola universidade, a máis antiga de Europa; la grassa, porque se come moi bo embutido, e la rossa, por ser historicamente unha cidade de esquerdas». Este aspecto, sinala, está moi presente na cidade: «É unha satisfacción vivir en Boloña, onde os nomes de moitas rúas están dedicados a partisanos e vítimas do fascismo e non a personaxes franquistas, como en cambio aínda sucede en moitos sitios de Galicia», reflexiona.

Arnoia Bouzas Pérez explica que unha cousa na que se parecen italianos e galegos é que sempre se senten menos có resto. «Sempre infravaloran o que teñen», engade. Pero hai outros aspectos que a atraparon alí: «Moitísimos amigos aconselláronme volver a Inglaterra ou ir a EE. UU. para o máster, porque dicían que o sistema italiano era peor: anticuado, moi burocrático. En cambio, a min sorprendeume moi positivamente, non só polos profesores, senón porque é o resultado de conquistas estudantís históricas e iso nótase porque os estudantes teñen moitos dereitos: poden presentarse a un exame moitísimas veces ata que queden satisfeitos coa nota (aínda que non o suspenderan) e permite combinar estudos e traballo».

Defensora da educación

Arnoia Bouzas Pérez destaca a importancia que os movementos estudiantís teñen en no país italiano. Algo que lle parece moi importante. «Ultimamente hai moitas protestas estudantís porque as reformas educativas van en dirección contraria, querendo facer da universidade unha empresa rendible, como é o caso dende hai anos en Inglaterra. Alí tamén tiven moi bos profesores, pero os dereitos do estudante eran mínimos: exames anuais, só unha posibilidade de presentarse, presenza obrigatoria nas clases (co cal moi, moi difícil traballar e estudar ao mesmo tempo)... En fin, un sistema que dita totalmente os teus ritmos de estudo e de vida».

Os estudos que está a rematar afondan sobre como se abordan na escola italiana as dificultades da aprendizaxe, cuestionando que o modelo médico, que é o modelo dominante, sexa o máis adecuado para entender e abordar esas dificultades.

«A miña experiencia foi positiva, porque eu quixen marchar»

«A miña experiencia no estranxeiro sempre foi positiva e moito diso ten que ver co feito de que hai seis anos, cando decidín marchar, foi porque quixen e non forzada polas circunstancias, como é o caso de moitos rapaces e rapazas e galegos da miña idade», afirma. De Galicia, indica, non bota de menos elementos concretos senón a experiencia de vivir na terra e poder involucrarse directamente no que está pasando.