Álvaro Gago: «A Galicia matriarcal non existe»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

ESTADOS UNIDOS

Ryan Kobane

O cineasta gañou o Premio do Xurado de Sundance con «Matria», unha curta que pode xermolar nunha longametraxe

09 feb 2024 . Actualizado a las 21:24 h.

Coa curtametraxe Matria, un día na vida de Ramona, unha traballadora dunha conserveira, Álvaro Gago (Vigo, 1986) acadou o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance, a cita por excelencia para o cine independente nos Estados Unidos. Mentres traballa como montador en diversos proxectos -Trote, a primeira longa de Xacio Baño, ou un documental de Pablo Romero sobre Ian Gibson-, Gago escribe actualmente o guión dunha nova curta, que rodará no verán, e desenvolve «a semente dunha longametraxe protagonizada tamén pola personaxe de Ramona».

-¿Que repercusións ten un premio en Sundance? ¿Máis posibilidades económicas, de distribución, autoconfianza?

-É posible que se abran novas ventás de financiamento e distribución. Supoño que agora a xente considera que son unha aposta menos arriscada. En cine todo se mide polo risco que carrexa. Pero tamén son consciente de que este tipo de situacións se desinchan tan rápido como soben. Sundance xa está traballando no programa do ano 2019. No apartado da confianza, non creo que me afecte demasiado, pois cada proxecto réxese por leis totalmente diversas. Non existe unha fórmula concreta. Hollywood tena, pero eu non quero producir chourizo tras chourizo. Facer películas é tamén unha aventura cara ao interior dun mesmo, unha constante exploración, un continuo cuestionamento que che faga avanzar, no meu caso, sen un obxectivo concreto máis que traballar no que me gusta e rodearme de persoas queridas.

-Non foi o primeiro premio de «Matria», que xa gañou algún como o de mellor actriz para Francisca Iglesias, quen non é intérprete profesional. ¿Como foi o proceso de traballo con ela?

-Foi un proceso longo, intuitivo, cheo de dúbidas por ambas as partes e baseado na confianza. Un proceso de ida e volta no que cada un daba e recibía por igual. Un proceso no que tentamos ir do xeral ao concreto, sintetizando a información todo o posible e individualizando as dúas ou tres ideas base que nos levaran a iniciar a aventura no seu momento. Veume moi ben esquematizalo todo, pois o proceso creativo, aínda que se trate dunha curta, adoita dilatarse no tempo e non está de máis facer o exercicio de volver ás orixes de cando en vez. A maior parte do traballo de interpretación fixémolo durante os ensaios previos á rodaxe. Fundamentalmente, asociamos experiencias persoais de Francisca a cada unha das escenas do filme. Non foi difícil, pois a súa experiencia persoal non dista demasiado do filmado. Durante a rodaxe atopeime moitas veces facendo referencia a esas asociacións: «acórdaste de cando... isto ten que ver con...». Tamén fixemos un labor importante de recoñecemento dos espazos: Francisca tiña que facer súas as localizacións, para moverse por elas con confianza. A súa linguaxe corporal foi mudando a medida que se ía familiarizando co entorno. A título individual, traballei bastante a maneira de comunicarme con Francisca e as demais actrices e actores, tentando sempre transmitir a información utilizando frases curtas e precisas.

-Un dos seus obxectivos era debater sobre a idea de matriarcado que se atribúe á sociedade galega...

-A Galicia matriarcal non existe, pero non o digo eu, só fai falla saír á rúa para comprobalo. A idea detrás da ficción era a de presentar na pantalla a unha suposta matriarca galega: muller sacrificada, loitadora, que tira para diante, para así expoñer a contradición entre o significante e o significado que lle atribuímos. As nosas supostas matriarcas son, en realidade, mulleres escravas, silenciadas, invisibles, que dan todo e reciben nada.

-No seu equipo hai unha presenza ampla de familiares: pai, tío, curmán... ¿En que medida influíu o entorno familiar para dedicarse ao cine?

-O meu pai investiga en economía verde e o meu tío traballou nun banco toda a súa vida. Non teñen nada que ver co cine, pero teñen ganas de devolver algo á terra que os viu crecer. Coñecen o terreo á perfección e iso é impagable para calquera produción. Indirectamente, penso que meu pai e miña nai influíron moito no meu interese polas artes. Estudei música e canto grazas ao seu empeño. De pequeno pasaba horas xunto a meu pai vendo cintas de Chaplin, e outras tantas xunto a miña nai repasando aos seus impresionistas favoritos: Monet, Cezanne, Degas ou Renoir.

«O cotián está cheo de autenticidade e carece de artificios»

Antes de Matria Álvaro Gago xa entregara Curricán, outra curtametraxe, neste caso, ambientada en Vilanova de Arousa: dunha beira pesqueira a unha conserveira. Seguindo co tema do cotián e o peixe, un posible escenario futuro sería un mercado, posibilidade que non desbota o cineasta. «Non descarto rodar nun mercado de peixe, é unha localización que ten moito interese: rítmica, dinámica, rica en sons… Pero na próxima curta trasládome a un entorno urbano. Normalmente elixo primeiro as persoas e son elas as que me guían cara aos espazos e os temas. O cotián está cheo de autenticidade e carece de artificios. Non existen a teatralidade nin as imposturas. Jeanne Dielmann pelando patacas na película homónima de Chantal Akermann é das escenas máis emotivas e reveladoras que vin nunca. Neste mundo tan acelerado non está de máis pararse cada certo tempo para observar, pausadamente, a vida no seu diario vivir», explica.

-Londres e Chicago son cidades sinaladas na súa biografía fílmica. ¿Como influíron na súa formación e na súa dedicación ao cine?

-De Chicago destacaría o proceso de maduración interior e o traballo realizado cos meus compañeiros da compañía de teatro de North Park, que me permitiron facer músculo dirixindo pequenas obras de teatro dunha maneira constante. En Londres pasei oito anos e fáiseme difícil simplificar a resposta, pero quizais, dende un punto de vista exclusivamente profesional, o máis importante foi coñecer e convivir con xente de todos os recantos do mundo. Inevitablemente abres a mirada e individualizas e rompes coas túas propias fronteiras.

-Hai uns anos, falar de que se estreaba unha película galega era case un acontecemento, pero agora estase a converter nun feito moito máis frecuente. ¿Que pensa da nova xeración de cineastas ou a multiplicación de festivais, ciclos ou ofertas de formación audiovisual?

-¡Que non pare a efervescencia! É o momento de empurrar aínda máis.