«Vir aquí foi unha boa oportunidade profesional e para a miña familia»

m. rey

ESTADOS UNIDOS

JOSE MANUEL CASAL

O exedil carballés vive «con moito interese» as eleccións estadounidenses

09 nov 2016 . Actualizado a las 06:47 h.

A estas horas, mentres vostede está lendo estas liñas, na capital do mundo xa coñecerá probablemente quen vai ser o próximo presidente, ou presidenta, dos Estados Unidos. Arredor de New York residen milleiros de galegos, a maioría chegados desde Ourense e a Barbanza, sobre todo a Newark. Pero tamén hai veciños da comarca que decidiron buscar unha oportunidade en New York.

Un deles é José Manuel García Guillín, nacido en Santa Comba e moi vinculado a Carballo. Este economista, licenciado en Administración e Dirección de Empresas, participou aquí en numerosos proxectos vinculados ás novas tecnoloxías. Foi técnico da Cámara de Comercio, puxo en marcha o portal web Finisterrae.com e a empresa Abertal, e entre 2007 e 2011 foi concelleiro de Industria e Promoción Económica en Carballo. Pouco despois de tomar posesión tras as eleccións de 2011, renunciou á súa acta ao conseguir o visado de residencia ao outro lado do Atlántico.

«Decidimos que era unha boa oportunidade para a familia, para a educación das miñas fillas e tamén para nós profesionalmente», conta Guillín , que reside no barrio de Queens, o mesmo lugar onde naceu hai 70 anos Donald Trump.

Traballa en Manhattan como consultor financieiro nun banco. A emigración, coma case todo, ten os seus matices. «De aquí valoro as oportunidades profesionais e a diversidade que, en tódolos sentidos, ofrece unha cidade como New York, que enriquecen a túa experiencia vital». Estar lonxe da casa, por outra banda, tamén o afasta de moitas cousas. «Obviamente tense morriña das paisaxes, dos amigos, da familia, da comida...».

No medio do barullo da Gran Mazá, este xalleiro aínda ten tempo para colaborar na actividade cultural das entidades galegas na diáspora. E vén de publicar unha novela futurista, Os donos do pensamento, ambientada nun sistema totalitario de finais do século XXI.

Estes días a política está presente en case todas as conversas. «Son unhas eleccións atípicas e moi disputadas», explica José Manuel. Non en tanto, é bastante escéptico respecto aos cambios que poderá traer a vitoria dun ou doutro aspirante. «Se gana Clinton non creo que haxa grandes cambios, pois é a candidata do sistema».

Por outra banda, Guillín tampouco cre que a vitoria de Trump vaia supoñer un cambio radical. «Quizais a curto prazo haxa rebumbio con algunhas medidas, como a política migratoria, a política sanitaria ou política exterior. Co tempo, a presión dos mercados e da política internacional supoño que farán que o temporal amaine». Algo que, coma se fose un paradoxo, lembra a Obama cando intentou desenvolver algo semellante a un sistema público de sanidade, tumbado pola maioría republicana ao longo do seu mandato.

A pregunta do millón, que se repite desde hai tempo a este lado do Atlántico, é cómo pode haber tanta xente que apoie a unha figura tan controvertida como Donald Trump. «Son razóns, curiosamente, moi similares ás que poderían dar en España polo lado da esquerda», sinala o economista xalleiro. Aínda que nun principio poida resultar estraño, pasa a enumerar varias ideas que axudan a comprender a reacción de millóns de estadounidenses: «A perda de credibilidade da clase política tradicional pola corrupción e servidume aos poderes económicos, a perda de postos de traballo na industria pola deslocalización, salarios e expectativas laborais cada vez máis precarias; e outros máis locais, como a perda de autoridade dos EE.UU no panorama internacional ou a ameaza do terrorismo».

Como economista, Guillín coñece de preto algúns dos problemas que axudaron ao ascenso de Trump: «Os Estados Unidos non están á marxe da degradación que a clase media sufriu nas últimas décadas, especialmente nos países occidentais; que aínda se nota máis en Europa polo retroceso no estado de benestar». É, por tanto, unha situación de caldo de cultivo para propostas políticas que rachen co establecido. «É normal que a xente se farte e queira cambios, sen prestar tanta atención á calidade e sentido do discurso. Por exemplo, a xente, sobre todo a máis afectada pola crise, quere man dura coa emigración polos mesmos motivos que votou a favor do Brexit».