O grovense que comanda o salto de calidade do remo no Mediterráneo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

ESPAÑA EMIGRACIÓN

Cedida (Victor RicoC.N. Campello)

O arousán cambiou a traíña de Amegrove por un contrato profesional á fronte do llaüt do club alacantino

12 oct 2017 . Actualizado a las 12:18 h.

O vindeiro mes de xaneiro cumprirá 22 anos. E se el quere, cun contrato laboral indefinido no Levante nun mundo, o do remo de competición, que é a súa paixón. Un doce caramelo de dous sabores que o grovense Iván Fandiño comezou desenvolver hai pouco máis dun mes, o 6 de setembro, cando cambiaba a estrutura técnica do Amegrove C.R. para asumir o cargo de adestrador dos equipos xuvenil e sénior masculinos de banco fixo e a función de remeiro no Club Náutico Campello do municipio homónimo de 27.000 habitantes, na provincia de Alacante. «Asinei por tres meses, por se non me atopaba a gusto, para poder volver se non me adaptaba, e co compromiso dun contrato indefinido despois dese tempo se dedicía quedar», explica Fandiño desde a outra punta da Península. Tras un mes, pouco máis ten que pensar.

Integrante da última etapa gloriosa da canteira do Amegrove, con catro dobretes nos campionatos galego e nacional encadeados entre o 2009 e o 2012 cando era infantil e cadete, remeiro no último título da LGT-A da traíña arousá, Iván Fandiño, fillo do actual presidente do club mexilloeiro, comezou a xestar daquela sen sabelo a súa presente saída laboral. Campión no 2011 de España Cadete de Llaüt, a embarcación tradicional que é aos pescadores do Mediterráneo español o que a traíña aos do Cantábrico e Atlántico, o arousán levou cinco anos despois, xa como adestrador, a nova xeración de cadetes do Amegrove á mesma cita, disputada en Alacante, de novo con triunfo grovense. Alí, a través dun amigo de Ferrol, enterouse de que o C.N. Campello contaba cun asturiano como coordinador da sección de remo. «Díxenlle ao meu amigo que se no Campello precisaban dalguén, que lle dera o meu nome ao asturiano», lembra Fandiño. Claro que «eu dixérallo de coña».

O conto é que, prosegue o galego, «en decembro do 2016 chamoume o coordinador, a ver se me podía incorporar ao club, porque precisaban dun adestrador. Pero eu xa me comprometera con Amegrove a levar a canteira xunto con José María Pérez, e tamén a remar na traíña». O pasado mes de maio Iván Fandiño interesouse por como solucionaran o tema no C.N. Campello durante a disputa dunha nova edición do Campionato de España Cadete de Llaüt, desta volta en Tarragona. Unha cita na que Amegrove acabou cuarto polo esvaemento dun dos seus remeiros cando ía en cabeza na final, e na que o barco do C.N. Campello se despedía dun probable título ao partir un remo. O coordinador do club levantino respostoulle a Fandiño «que tiñamos que falar no verán. E nada máis acabar o Teresa Herrera e a Liga Galega de Traíñas, chamoume, e aceptei».

A primeira razón do si do de Amegrove, club no que segue a botar un cabo coma directivo, foi «o contrato laboral que me presentaron, inviable en Galicia». A outra gran forza motriz tras o si de Iván ao C.N. Campello foi que «o vin coma unha oportunidade de probar unha cousa nova, e de facer o que me gusta, profesionalizándoo»; tamén coma un reto: «No club, e noutros clubs de remo do Mediterráneo, queren dar un salto de calidade con xente do norte. Aquí no banco fixo só teñen o llaüt, e a falucha». Esta última, cos mesmos oito remeiros e un timonel có llaüt, pero de 380 quilos de peso, de aí as tres contadas regatas ao ano que se fan de falucha, o vindeiro mes, sen adestramentos previos, conta o grovense.

Para o que si adestran os 17 remeiros xuvenís e os 14 séniores baixo a súa dirección é para a tempada de llaüt, que se estenderá de febreiro a maio dentro da Liga Suma con arredor de dúas decenas de bancadas de toda a costa mediterránea española, mais o Campionato de España. «O Campello está andando bastante ben en categorías base. No club non me esixen gañar. O que pretendo é facer do llaüt do Campello un barco competitivo, conseguir o mesmo que busquei na canteira de Amegrove, que a xente falara de nós por remar ben. E creo que o conseguiremos», aventura Fandiño.