«O primeiro ano multiplicamos por vinte o volume de negocio do noso pai, e exportamos a varios países»

L.R. LUGO / LA VOZ

INTERNACIONALIZACIÓN

ALBERTO LÓPEZ

As castañas e o mel dos Ancares son os puntos fortes do negocio de Luis Miguel e Alejandro

17 abr 2017 . Actualizado a las 11:06 h.

As castañas e o mel dos Ancares son os puntos fortes do negocio de Luis Miguel e Alejandro, que subliñan que hoxe en día neste tipo de mercado «hai máis demanda que oferta». «Queremos darlle un valor engadido á castaña que temos aquí», din.

-¿Como levan o tema das abellas?

-Co mel empezamos este ano con moitas ganas. A primeira fase é producilo, que o imos facer en ecolóxico. O mel que temos aquí, nas zonas de alta montaña como Cervantes, Navia e Pedrafita, é diferente ao que se ve nos mercados. Como ten moito castiñeiro, é máis denso, máis escuro... Compramos colmeas de madeira a apicultores, sen tratamento ningún. Empezamos con 900, e só haberá unha recolecta ao ano. O nome da marca será O mel de sempre.

-¿Por que decidiron mudarse de Zanfoga a Becerreá e O Corgo?

-Intentamos centralizar o negocio nun sitio máis grande como Becerreá porque nos permite un radio de acción moito maior, de ata dez concellos. Ademais, alí está a Oficina Agraria Comarcal e hai mercado, polo que sempre hai maior afluencia de gandeiros. O primeiro ano multiplicamos por vinte o volume de negocio que tiña noso pai, e xa exportamos castaña a varios países. A idea que temos para O Corgo é de ser unha fábrica de portas abertas que poida disfrutar a xente, non queremos industrializar o proceso.

-¿Que dificultades encontran?

-A nivel de empresa, o principal atranco é a financiación. E con respecto da produción, un dos problemas grandes na castaña e no mel é a avespa velutina. Tamén vemos que falta man de obra especializada, e nós cremos que nos Ancares hai recursos de sobra para saír adiante cun traballo digno. Cando estudamos, meu irmán e máis eu fómonos formar ás obras, ao sector da construcción, que era o que estaba de moda naquel momento, en lugar de centrarnos nos recursos naturais que tiñamos ao redor, que é o que facemos agora.

-¿Cal é o seu soño?

- Ser unha explotación responsable co medio ambiente. Explotar ben o que temos, a zona na que estamos, optimizando ben os medios que temos. Se non confiase nisto a medio e a longo prazo, non faría os investimentos que estou facendo.