Alicia Barreiro: Senegal é o destino e axudar, o fin

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

COOPERANTES

A doutora de Lousame ten participado en tres expedicións sanitarias ao país africano

13 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As viaxes son o mellor xeito de entrar en contacto con culturas diferentes, de ver formas de vida similares ou radicalmente opostas e, en definitiva, de comprobar de forma presencial que hai máis alá do entorno habitual dunha persoa. Hai quen recorre a elas por pracer, quen as ten entre as súas obrigas laborais e mesmo quen se decide a facelas co ánimo de axudar aos desfavorecidos. Neste último grupo atópanse as tres estadías en Senegal que leva realizadas Alicia Barreiro, unha veciña de Lousame que exerce de médico na Coruña. Alí entrou en contacto coa oenegué Ecodesarrollo Gaia e, nada máis coñecer as súas liñas de traballa, sentiu unha irrefreable chamada solidaria.

Tal foi o interese que esta organización conseguiu espertar na barbancesa que no 2013, só un ano despois de asistir a unha reunión informativa sobre o proxecto que estaba a desenvolver en Senegal, fixo as maletas para emprender a primeira viaxe. No 2015 embarcábase na segunda aventura e o ano pasado levaba a cabo a terceira. Todas elas formaban parte de Coruña Cura: «Trátase dun proxecto médico e farmacéutico que xorde da falla de recursos sanitarios que ten alí a poboación». A oenegué montou alí unha escola hai anos. A partir de aí empezaron as viaxes de médicos, enfermeiros e farmacéuticos para achegar un grao de area.

As tres foron estadías de dúas semanas, nas que Alicia Barreiro e o resto de desprazados traballaron arreo, conscientes de que todo o que fixeran sería insuficiente: «Tento axudar no que podo, porque as necesidades son moitas e o pouco que se poida achegar contribúe a poñer algo de xustiza nesta desigualdade entre o norte e o sur». Aínda que a experiencia inesquecible, a que deixa unha pegada imposible de borrar, se vive alá, o traballo destes colaboradores continúa cando regresan á casa: «Seguimos axudando a distancia, sobre todo a través de teléfono e Internet, con algún paciente que precisa mediación crónica. Alí temos un pequeno posto para facer curas, atendido por unha persoa que se formou con nós».

Sarna, tiña e outras doenzas

Por incrible que poida parecer, moitos dos pacientes que atenden Alicia Barreiro e os seus compañeiros de aventura é a primeira vez que teñen contacto con persoal médico. Ademais, entre o 60 e o 70 % son nenos. «Ás veces non é que teñan unha enfermidade en si, pero as nais están todo o ano esperándonos para que lles digamos que todo está correcto», explica a doutora. Como é doado imaxinar tendo en conta as condicións de vida do país, as doenzas coas que se atopan os desprazados con completamente distintas ás que atender no seu día a día: «Trátase, sobre todo, de enfermidades infecto contaxiosas polas condicións nas que viven, que son bastante deficitarias. Os nenos están descalzos, en contacto co lixo e conviven con animais. Hai moitos problemas de pel, ata tiña e sarna, e tamén infeccións respiratorias. Logo tamén patoloxías crónicas moi comúns ás de aquí, pero alá carecen de tratamento».

Aínda que as estadías dos médicos galegos son fundamentais, o colectivo aproveita para transmitirlle á poboación unha serie de coñecementos que lles permitan afrontar os problemas que poidan xurdir cando queden ser persoal sanitario: «Nas consultas ofrecemos explicacións sobre como previr as enfermidades. Penso que esta é a semente máis importante que podemos deixar».

Das palabras de Alicia Barreiro é doado deducir que está curtida, pero recoñece que a primeira vez que pisou Senegal quedou impresionada, máis pola reacción da xente que pola pobreza: «O que máis me chocou é que a pesar de que viven en condicións miserables teñen sempre un sorriso na cara e unha man para estreitar a túa. Unha ledicia que é para aprender deles. Cambia a visión do mundo, porque non só existe isto que coñecemos porque somos afortunados, senón que hai un mundo diferente, en parte porque desde aquí non somos capaces de xestionar esas desigualdades». Satisfeita co traballo realizado, pero consciente de que queda moito por facer, tén claro que os seus vínculos con Codesarrollo Gaia nunca se racharán: «A miña idea é regresar, pero depende da dispoñibilidade que teña a nivel laboral. A porta está aberta».