Alicia Heinrich: Ao Caribe en misión solidaria

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

COOPERANTES

A veciña de Muros exerce de educadora nun pobo da República Dominicana

04 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo é unha gran esfera chea de inxustizas e dominada por unha ilóxica división entre ricos e probes. Por fortuna, hai un feixe de habitantes dos chamados países desenvolvidos que son quen de renunciar aos luxos para axudar a aqueles que non tiveron a fortuna de nacer na parte próspera do mundo. Moitos son mozos que desbordan ilusión e gañas de equilibrar a balanza, como Alicia Heinrich. Esta veciña de Muros coñeceu o significado da palabra voluntario nun curso formativo, complementario aos estudos universitarios, e desde entón non foi quen de borrala da súa mente. Decidiu, de feito, levar o concepto teórico á práctica e, desde hai un par de meses, colabora coa organización Futuro Vivo na República Dominicana.

O entusiasmo co que fala da experiencia na que está embarcada é sinónimo de satisfacción, aínda que recoñece que ingresou nesta montaña rusa de sensacións case por casualidade. A universidade ofertaba a posibilidade de ser voluntario nalgunha institución asociada e apunteime para probar. «Supoño que cando comecei non tiña tanta conciencia do que era realmente o voluntariado, pero pouco a pouco fun sensibilizándome co tema», explica. Foi unha amiga, Julia, a que lle falou da existencia de Futuro Vivo: «Ela tiña as mesmas gañas ca min de participar nunha iniciativa a nivel internacional e sempre nos estabamos retando unha a outra con dar o paso».

Esta organización humanitaria de Segovia ofrécelle, desde un colexio situado na República Dominicana, atención integral ás familias con nenos, exercendo tamén o seu labor no eido do desenvolvemento comunitario: «O pai de Xulia estivera alí e a idea chamou por nós desde o comezo».

Foi hai poucos meses cando decidiu dar o paso que marcaría para sempre o seu porvir: «Julia chamoume dicíndome que ía pedir unha excedencia e eu, que naquel intre estaba buscando traballo como educadora social, lanceime». Desde que aterrou no país caribeño, Heinrich exerce de monitora dun comedor e encárgase de formar aos monitores que traballan coas familias.

Multiempregada e madriña

En breve, verá incrementadas as súas funcións cunha escola de familias, un obradoiro de empoderamento feminino para adultas e un taller de educación afectivo sexual con perspectiva de xénero para adolescentes. Incapaz de permanecer allea ás miserias que a rodean, a barbancesa decidiu entregarlle aos novos veciños máis ca o seu traballo: «Teño amadriñados algúns nenos cunha situación familiar complicada, para facer un seguimento e ofrecerlles un referente».

A oportunidade que se lle presenta para axudar aos demais, o cariño que recibe dos nenos e a oportunidade de coñecer a fondo un país e unha cultura totalmente diferentes son para Alicia Heinrich as mellores recompensas: «Estou aprendendo moitísimo desta experiencia». Pero, loxicamente, a balanza inclínase ás veces cara un lado menos positivo: «O peor é ter que ver a situación inxusta pola que pasa esta xente, o sentimento de impotencia que provoca o feito de non poder cambiala».

Aínda que a veciña de Muros ten moi claros os seguintes pasos a dar, pensa que xa nunca poderá desvincularse do eido do voluntariado: «Gustaríame traballar como educadora social, sobre todo no eido concreto das mulleres, que é no que estou especializada, pero como son consciente das dificultades para atopar traballo, pretendo preparar as oposición para mestra de FP e poder así ensinar todo isto que estou descubrindo». Por diante quédanlle aínda seis meses máis na República Dominicana e está disposta a aproveitalos ao máximo: «Estou moi contenta alá, medrando e collendo experiencia e, se algún día me poño triste, saio a bailar, a xogar cos nenos ou a facer turismo. Aínda que estou como voluntaria, teño tempo libre e a xente é moi amable e acolledora». Ser sensible e sentir paixón polo traballo a desempeñar son para ela claves á hora de embarcarse nunha experiencia de voluntariado.