Uxía Cespón: Aventura pola igualdade a 12.000 quilómetros

Carmen Fernández / P. C. RIBEIRA / LA VOZ

COOPERANTES

MARCOS CREO

A rianxeira pasará un mes nunha aldea de Mozambique traballando con mulleres

15 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Emprender aventuras, coñecer outras culturas e xentes son cuestións que a moitos lles chaman a atención, pero que por diversos motivos non todos chegan a cumprir. Sen embargo, tamén hai casos nos que se consegue realizar esa viaxe desexada para empaparse de cousas novas, como lle ocorre a Uxía Cespón, que percorrerá 12.000 quilómetros. A rianxeira irá a Mozambique no mes de setembro, grazas ao programa Vacacións con traballo, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Conta que coñeceu a existencia do proxecto a través de «blogs de compañeiros nos que recollían as súas vivencias nos lugares nos que traballaban» e non dubidou en apuntarse. «Unha das vantaxes que ofrecía era que estaba orientado a persoas empregadas en concellos, como no meu caso», comenta Cespón, que exerce no Concello de Rianxo de técnica na área de Educación, Cultura e Xuventude dende hai 11 anos.

A cooperación internacional e Mozambique son dous temas que dende sempre espertaron o seu interese. Cando estaba estudando Educación Social, os traballos relacionados cos dereitos humanos e cooperación internacional facíaos sobre a situación da muller nese mesmo país do sueste africano. «Chámame a atención tanto da rexión coma de África en xeral pola proximidade que temos con eles. Sen embargo, a pesar de estar España pegada ao continente, hai moitísimas cousas que nos diferencian», explica a rianxeira. Por iso, cando veu cal era o próximo destino do programa Vacacións con traballo, e para traballar en materia de igualdade coa Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique, non o dubidou.

A pesar das ganas e ilusión que ten postas no proxecto, Cespón alberga un medo, non contribuír con nada: «Teño claro ao que vou, a realizar actividades con mulleres e traballar as políticas de xénero. O que me pregunto é se lles vou a aportar algo, se lles vou dar unha visión nova».

Traballo diferente

Unha das principais diferenzas cas que vai ter que lidar será a falta de recursos, xa que no seu ámbito habitual «conto con moitísimos medios, pero alá non os terei. En principio, contarei cun ordenador e, cun pouco de sorte, tamén Internet», di. A outra gran diferenza que modificará a súa forma de traballar é a forma de vivir e de ser da xente. «Aquí a xente participa moito, atopan oportunidades. Pero en Mozambique teñen carencias e outro tipo de mentalidade. Por exemplo, ao realizar actividades con mulleres quizais os pais non deixen que as nenas e mulleres acudan. Alí a muller está a disposición do home», engade a educadora social.

As súas ganas de axudar á xente sempre estiveron aí, pero foron aumentando á vez que seguía o traballo de asociacións dedicadas á cooperación. Para ela, a vocación e o interese é indispensable para realizar este traballo. «Para participar nun proxecto coma este hai que ter moitísimo interese, porque tes que dar moito de ti», comenta Cespón. E ela mesma é o exemplo perfecto. En setembro comezaría as súas vacacións e, sen embargo, estará rumbo a Mozambique: «Moitas das cousas que vou vivir alí requirirán un esforzo grande pola miña parte. Vou estar nun pobo no que non sei o que vou atopar, téñome que vacinar, teño que pasar case dous días de viaxe para chegar alí. Isto o fas cando tes unha motivación grande».

En terras africanas realizará principalmente tres labores: «Traballaremos plans de igualdade, desenvolveremos actividades coas mulleres e revisarei os proxectos que levou a cabo o Fondo Galego, para ver como están», apunta a educadora social. O pobo no que estará está situado a 300 quilómetros da capital mozambiqueña, Maputo. Alí explorará novas fronteiras no ámbito laboral e coñecerá unha cultura e costumes novos, dunha xente que quere seguir camiñando cara diante.

O destino. A voluntaria xa se documentou sobre o país e os costumes. Contáronlle que a xente de Mozambique é moi amable e aberta.

Expectativas. Espera coñecer unha forma de traballar distinta, xa que alá hai outros problemas diferentes, e poder aplicala despois, cando sexa preciso.